HISTORIA: a competencia do fonógrafo
Nun primeiro momento, Edison sentiuse decepcionado pola escasa demanda de patentes para fabricar fonógrafos. A xenial idea que abraiaba a todo o mundo aínda tiña algúns detalles por pulir antes de que os empresarios se decidisen pola súa produción en serie.
Outro famoso científico, o inventor do teléfono Alexander Graham Bell, presentou un aparato moi similar inspirándose no funcionamento do oído humano e aplicando eses coñecementos ao Fonoautógrafo de León Scott. A diferenza principal entre o invento de Edison e o novo reprodutor, o Grafófono, residía en que este último usaba cilindros recubertos de cera, e melloraba notabelmente a gravación.
O 4 de maio de 1886, esta nova versión de máquina falante estaba xa á venda, incentivando de novo en Edison o interese polo fonógrafo e xustificando ante a prensa a súa volta
coa seguinte declaración: “Vostedes saben que terminei o meu primeiro fonógrafo hai preto de 10 anos e, cando os meus negocios relacionados coa electricidade tomaron grande relevancia comercial, abandonei todas as investigacións para centrarme de cheo na corrente. Así e todo, o fonógrafo, con maior ou menor constancia, sempre permaneceu na miña cabeza. En canto descansei do meu traballo coa luz, a vella idea volveu á miña mente”.
Os cilindros reciclados
As primeiras gravacións en cilindro adoitaban desgastarse despois de reproducilas varias ducias de veces. O comprador podía entón devolver o cilindro gastado ao vendedor, recibindo un crédito parcial aplicábel á adquisición de novas gravacións, ou pulilo e continuar realizando gravacións sobre el.
Fonógrafo versus Grafófono
Foron varias as evolucións que Graham Bell e os seus socios da American Graphophone Company de Columbia (Washington) aplicaron sobre o fonógrafo de Edison, se ben ningunha delas modificou a súa estrutura básica e o Grafófono só se considera unha
mellora técnica. Entre eses cambios, ademais de substituír o cilindro de Edison por un de cera, modificouse o sistema de rotación do Fonógrafo -controlado pola rosca dunha manivela- que co Grafófono pasou a ser constante pola aplicación dos mecanismos de corda
dos reloxos. Aínda que estes retoques melloraron algo a calidade do son, a cambio os cilindros sufrían un maior desgaste e podían reproducirse menos veces.
O motor de corda
Nunha época na que o motor eléctrico aínda non se aplicaba aos reprodutores de son, facíase necesario agudizar o enxeño. Nun principio, Edison pensara nun tipo de pedal semellante ao das máquinas de coser. Máis tarde, en 1887, experimentou con motores de batería eléctrica sen chegar a comercializarse. Porén, co Grafófono recuperáronse os motores de corda dos reloxos que xa se aplicaran con éxito nas caixas de música.
A enerxía mecánica xérase dando voltas a unha rosca que vai enrolando a cinta de aceiro (ou corda) nun tambor, sendo a súa posterior expansión a que produce a forza necesaria para finalmente mover o cilindro.
As primeiras bonecas falantes
As posibilidades do suco -en inglés “groove”- foron moi variadas, e na nosa “Historia da música enlatada” dedicaremos moitos capítulos a contar algunhas das súas aplicacións máis enxeñosas. A primeira delas ten que ver co nacemento das chamadas bonecas falantes, que reproducían cilindros en miniatura. Edison xa profetizara a incorporación deses mecanismos aos xoguetes en 1877, aínda que abandonara a idea durante anos.
Durante ese tempo, o inventor William White Jacques tería sido o primeiro en fabricalas de non ser polas dificultades financeiras. Outro socio de Edison, Charles Batchelor, recuperou as patentes e, uns meses antes da súa fabricación, presentou un
prototipo na Exposición Universal de París de 1889. Finalmente, a primeira boneca parlante iniciou a súa fabricación e, dunha produción inicial de 10.000 bonecas, só se puxe-
ron á venda 2.500. A meirande parte delas foron devoltas por graves fallos no mecanismo de reprodución dos cilindros e foi un desastre económico que Edison pagaría durante anos.
A réplica francesa
Se a primeira boneca falante da historia foi un fracaso, non sucedería o mesmo coa seguinte. O modelo presentado na Exposición Universal de París causou sensación en Europa e é posíbel que o reloxeiro francés Henri Lioret -premiado durante dita exposición-,
quedase igual de abraiado coa idea.
Henri Lioret foi fichado en 1893 pola prestixiosa compañía Jumeau coa intención de realizar unha “boneca falante” que regalarían á filla do Tsar de Rusia. O novo xoguete chamouse Bébé Phonograph, viña con cilindros brancos -máis resistentes- a 100 rpm e
o mecanismo principal incluía un motor de reloxería, do cal, para evitar problemas de reprodución, o fabricante advertía da súa constante necesidade de lubricación. Saíu á venda no ano 1896 cun custo inicial de 58 francos e, durante os anos que permaneceu no mercado, chegaron a ofrecerse até 12 cilindros distintos con cancións de 30 segundos de duración. Outro modelo moi popular, algúns anos máis tarde, sería o Arnoldia, inventado en Alemaña pola Max Oscard Arnold Company e se promocionaba con cilindros para ensinar idiomas aos rapaces.
A maravilla “Merveilleux”
Pouco despois de traballar na boneca falante, Henri Lioret inventou un novo modelo de fonógrafo adaptando parte dos mecanismos máis avanzados -o motor e os cilindros en miniatura-. Tamén incorporou outras innovacións como un botón que retrocedía instantaneamente o lector ao comezo do cilindro: o primeiro rewind. Xa en 1898, Lioret chegou a desenvolver, 14 anos antes que Edison, cilindros de catro minutos de duración.
Pero, o máis sorprendente, é que comercializaba o seu fonógrafo “Merveilleux” moito máis barato ca os seus competidores e cunhas condicións acústicas superiores.
O ditado e a oficina
Malia que agora nos pareza estraño, o fonógrafo e o grafófono non se asociaron inicialmente á reprodución de música, senón que se concibiron como máquinas de oficina.
Nun primeiro momento, pensaron en contestadores automáticos de teléfono, pero como non podían rexistrar o feble sinal eléctrico, a súa nova aplicación pasou a ser a de gravado-
ras de documentos orais ou taquígrafos automáticos. Así, comezaron a cotizarse en oficinas, bufetes e mesmo nas Cortes para gravar os discursos dos políticos -existe a lenda de
que hai un cilindro perdido coa voz de Abraham Lincoln (1809- 1865)-. O fonógrafo adquiría outros nomes cando se empregaba con fins burocráticos: segundo o fabricante chamouse Dictaphone -a mesma compañía do grafófono- ou Ediphone a do fonógrafo-. O seu servizo nos despachos até a Segunda Guerra Mundial prolongou o mercado dos cilindros virxes nas oficinas 30 anos máis que no da música industrial -datada arredor de 1929 con fins comerciais-. En Europa rexistráronse varios intentos de “máquinas de ditado” e competiron coas importadas: a Parlograph en Alemaña incluía un motor a 110 voltios e a francesa Roneophone foi a primeira marca en substituír os cilindros por discos magnetofónicos.
Música enlatada por casualidade
Cara 1890, todos os fabricantes de fonógrafos e grafófonos estaban a un paso do fracaso porque as vendas eran baixas. Pouco antes, a compañía Pacific Phonograph Company tivera a xenial idea de adaptar un fonógrafo que ao lle introducir unha moeda reproducía unha canción. Estes aparatos situáronse en espazos públicos, como noutros tempos sucedera coas caixas de música, os pianos automáticos, etc. As cifras acadadas foron
sorprendentes e a só cinco centavos por audición, unha das primeiras máquinas instaladas recadou 1.000 dólares en tan só cinco meses. O éxito inspirou a Edison -sempre contrario ao uso lúdico da súa máquina – quen desenvolveu un fonógrafo barato, accesíbel en todos os fogares. Naceu así a industria discográfica e con ela os quebradeiros de cabeza cos formatos e as velocidades. Entre 1880 e 1890, os cilindros do fonógrafo e do grafófono
eran incompatíbeis e cada fabricante (Edison, Tainter e Cros, etc.) optaban por distintos diámetros e velocidades (74, 90, 160,180, etc., revolucións por minuto).
Almacenar os cilindros
Os cilindros non eran obxectos discretos e cómodos precisamente; arquivalos representaba unha experiencia ardua e pesada. Ao principio, a información sobre o seu contido escribíase a man sobre unha etiqueta exterior, unha a unha, até que se espallou a súa popularidade e foi necesario imprimir de fábrica o número de gravación da tapa superior. Posteriormente comezarían a publicarse co título da canción e o artista. Pola súa banda, os
cilindros interiores naceron cunha voz gravada que se introducía ao comezo do rexistro e dicía o título, o artista e a compañía. Ao comezo do século XX, estes testemuños sonoros foron desaparecendo e substituíndose por unha información abreviada impresa nun extremo da súa superficie.