SINSALAUDIO / Actualidade

Música en Branco: memoria dunha cidade (A Coruña/Agra do Orzán)

23 de Maio de 2013

CLIENTE: CONCELLO DA CORUÑA
FECHA: 2013/2014
COMISARIADO: SINSALAUDIO
CONCEPTO: exposición e actividades sobre a memoria musical da Agra do Orzán.
ARTISTAS INVITADOS: 


Que é Música en Branco?

Música en branco: memoria da Agra do Orzán é unha intervención urbana que investiga, documenta, difunde e pon en valor a memoria musical e sonora deste barrio da Coruña, converténdoa nunha ferramenta para a participación e a innovación social. O proxecto, desenvolvido por Sinsalaudio para a Concellería de Cultura da cidade herculina, levouse a cabo no marco de Urbana-C, o Programa Integral de Rexeneración Urbana financiado pola Unión Europea e o Concello da Coruña nesta área de gran densidade poboacional.
Música en branco explora o patrimonio inmaterial e subliña o valor comunicativo da música e a súa capacidade para xerar un tecido común. Esta iniciativa sostense con tres piares básicos: a investigación, a participación activa da cidadanía e a programación de actividades arredor da memoria sonora deste barrio da Coruña. No seu desenvolvemento distínguense dúas fases diferenciadas, mais englobadas nun mesmo proceso de traballo. Nunha primeira etapa, o equipo de Música en Branco centrouse na recolleita de información sobre a contorna, a comunidade e a súa relación coa música a través da consulta de fontes documentais e bibliográficas e a realización de 60 entrevistas persoais. Na segunda etapa, a información recabada e analizada serviu de base para unha programación dividida en oito liñas de actuación.

1.1 A música que todo o atravesa 

A popularización das tecnoloxías de gravación e difusión masiva inscribiron a música de xeito irreversible na experiencia humana nesta parte do mundo. A nosa afectividade, a maneira de nos relacionar e organizar, a nosa memoria, todo está atravesado pola música nas súas diversas manifestacións. A sintonía dun programa de radio ou de televisión, a nosa canción favorita, unha melodía descoñecida, un xeito de tocar e bailar ou a sonoridade dun espazo documentan a historia pública e privada das persoas, a súa identidade individual e colectiva. Preguntar pola música é preguntar polo arquivo emocional dunha comunidade, polos seus hábitos, a súa procedencia, a súa percepción do mundo, a súa formación e extracción sociolaboral, polo que hai de común e de diferente en nós. De aí o interese pola música, non unicamente dende a perspectiva da historia social ou a etnomusicoloxía, senón como ferramenta sociocultural.

1.2 O programa URBANA-C

Música en Branco insírese en Urbana-C, un Programa Integral de Rexeneración Urbana que se desenvolve entre os anos 2007 e 2013 cun orzamento de 11,4 millóns de euros. Financiado con fondos Feder da Unión Europea e do propio Concello da Coruña, ten o seu ámbito de intervención no barrio da Agra do Orzán, cunha poboación de 29.139 habitantes –o 11,9% de toda a cidade–, segundo datos tirados do estudo A Cidade dos Barrios (2011). Un espazo urbano vivo, mais con déficits importantes, desenvolvido principalmente na década dos anos 70. A de Urbana-C é unha estratexia de intervención “integral” que trata de incidir de forma coordinada en aspectos económicos, ambientais e sociais. Pretende potenciar a imaxe do barrio, incrementar os seus servizos e animar a súa actividade económica. Ten como obxectivo mellorar a calidade de vida atendendo criterios humanizadores e promovendo, entre outras iniciativas, a creación de empresas, a implicación da veciñanza e a actividade do pequeno comercio. No eido social, busca impulsar a incorporación da muller ao mercado laboral, consolidar a integración da poboación migrante e mellorar a atención aos maiores e a infancia. Os espazos públicos, unhas das principais demandas da cidadanía na Agra do Orzán, tamén constan nas prioridades deste programa, que se propón ampliar a superficie de parques e zonas verdes e modernizar contextos de convivencia. A nivel cultural, Urbana-C pretende acadar unha maior implicación dos veciños na programación cultural. É aí, nese campo particular deste amplo programa de carácter transversal, no que se atopa o proxecto Musica en Branco.

1.3 As actividades

Un programa de radio itinerante dirixido por Xurxo Souto, as Barriografías. Un obradoiro de construción colaborativa de rutas de sendeirismo urbano con Cristina Anllo. Un xeito de converter o barrio nun museo intelixente a través das audioguías NoTours, ao cargo do colectivo Escoitar.org. Unha convocatoria pública para financiar e dar soporte a microproxectos de intervención cultural. A implicación das escolas e institutos da contorna na representación plástica do son e a recolleita da testemuños orais dos maiores. A documentación da memoria das mulleres no Contedor de Feminismos de Carme Nogueira, Anxela Caramés e Uqui Permui. A elaboración dun mapa sonoro do barrio a partir das microhistorias da música recollidas polo equipo de Música en Branco. E por último, unha exposición no centro Ágora para dar sentido a un proceso de traballo que comezou en decembro de 2012 e rematou en decembro do 2013.

BARRIOGRAFÍAS. Un programa de radio itinerante conducido polo músico e comunicador Xurxo Souto, ex compoñente dos Diplomáticos de Monte Alto, en nove espazos do barrio.

PASEOS POLO BARRIO. Cristina Anllo, de Microprojects, dirixe este programa de sendeirismo urbano ligado á memoria do barrio, con dous obradoiros e catro rutas a pé.

CONTEDOR DE FEMINISMOS. Carme Nogueira, Anxela Caramés e Uqui Permui trasladan ao barrio o seu proxecto de microinvestigación historiográfica e produción artística arredor do feminismo e a historia das mulleres en relación á música e o son.

CONVOCATORIA PÚBLICA DE MICROPROXECTOS DE INTERVENCIÓN CULTURAL. Para colectivos, artistas, empresas ou operadores culturais locais ou do resto do territorio galego coa fin de desenvolver dúas ou tres actividades máis, como máximo, arredor do proxecto Música en Branco.

EXPOSICIÓN SONORA. Unha mostra arredor do son, a música e a memoria construída a partir de todo o recollido durante as fases de investigación e produción do proxecto Música en Branco.

INTERVENCIÓN NAS AULAS. Dúas liñas de actividades para implicar a comunidade educativa do barrio na investigación e posta en valor da memoria sonora e musical.

AUDIOGUÍA E MAPA SONORO. Un proxecto do colectivo Escoitar.org que converte o barrio nun museo intelixente mediante o que denominan, nun xogo de palabras, “auralidade aumentada”.

 

memoria-musica-branco-color

Novo_Folleto_Cartel_A3_mailing