Los Hijos de la Montaña e Thor Harris no Sinsal Outono Vigo. A proposta de Sinsalaudio para esta estación inclúe dúas sesións anecoicas con Agoraphobia e Chicharrón
Los Hijos de la Montaña é o proxecto promovido polo estadounidense Sergio Mendoza, valioso colaborador de proxectos devotos da hibridación sonora como Calexico, Devotchka, Giant Sand, ou Instituto Mexicano del Sonido. Ademais, cerebro, xunto a Camilo Lara, da trastada que é Mexxrrissey (Morrisey pasado por unha túrmix azteca) e, ante todo, líder desa Orkesta Mendoza na que, inspirado polo gran Pérez Prado, insire unha miríada de xéneros latinos cun prisma psicodélico. Coa produción de Steve Berlin (Los Lobos) e coa complicidade da súa irmá, a cantante Luz Elena Mendoza, con Los Hijos de la Montaña explora o folclore latino en xeral e o mexicano en particular. Folk e cumbia, con espazo para unha psiquedelia pausada e crepuscular. O estadounidense presenta en directo esta exquisitez exótica acompañado do talento dunha vocalista soberbia, a colombiana Alea. Será o 28 de novembro no MARCO de Vigo ás 20:30h.
Á mesma hora, no mesmo lugar, pero o 15 de decembro, o Sinsal Outono trae a Vigo a Thor Harris, conectado na súa traxectoria por algúns dos nomes máis interesantes da escena musical das últimas dúas décadas. A súa intensa relación artística con Michael Gira, pero tamén a decisiva contribución de Harris á abraiante reformulación do son de Swans, até colaboracións con Shearwater, Devendra Banhart, Bill Callahan, Ben Frost, Xiu Xiu, Jenny Hval, Lisa Germano, ou Adam Torres. Semellante traxectoria, personalidade expansiva e sentido do humor delirante convertérono nunha das personalidades máis carismáticas da escena estadounidense.
Na aventura emprendida con Thor Harris & Friends, este carpinteiro, pintor, luthier e percusionista inspírase no minimalismo estadounidense e explora as súas posibilidades rodeado dunha nómina mutante de músicos residentes en Austin. O primeiro resultado desta aventura é un brillante traballo homónimo, no que marimbas, xilófonos e vibráfonos serven para construír unha excitante base polirrítmica sobre a que cobran vida melodías e texturas paridas con pedal steel, sintetizadores analóxicos, violíns, violas, contrabaixos, clarinetes, duduk e oboe.
Na cámara semianecoica de Telecomunicacións
Sinsalaudio continúa a súa alianza coa Universidade de Vigo durante o outono coa programación das sesións anecoicas do Festival Sinsal Son Estrella Galicia. Os grupos Agoraphobia e Chicharrón son os convidados a experimentar a cámara da Escola de Telecomunicación. Que é a cámara acústica semianecoica? Trátase dun espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas. Unha sala, na Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, na que practicamente non hai eco nin reverberacións. Os músicos que até agora participaron nesta experiencia destacan o silencio, a percepción multiplicada e, polo tanto, o coidado e a adaptación que requeriu a actuación en directo.
Agoraphobia é unha banda procedente de Boiro (Galicia) influída polo pop rock e que comeza a rodar cando as súas integrantes apenas teñen 16 anos. Xa en 2013 a banda gaña o certame “Vodafone You: Music Talent” que implicou a gravación do seu primeiro EP e os primeiros concertos fóra de Galicia. Tiveron a oportunidade de abrir para artistas como Lori Meyers ou Russian Red. Agoraphobia son cinco mulleres: Susana (vocalista), Aislinn (guitarra), Sabela (guitarra), Paula (batería) e Lucía (baixo.) Elas experimentarán a cámara semianecoica o día 29 de novembro, con dous pases, ás 16:30 e 17:30.
Pola súa parte, Chicharrón fórmase a principios do 2014 en Carballo. En xuño editan o seu primeiro álbum “Chicharrón” (Prenom, 2014). Tras unha moi boa acollida deste traballo, en marzo do 2016 editan o seu segundo disco, Postal (Prenom, 2016) no que trocan as guitarras acústicas por eléctricas e o castelán polo galego. En marzo de 2017 editan o single “Contra acantilados” e en setembro “Na cela”. Chicharrón son: Alberto Vecino (voz e guitarra), Mara Pérez (voz), Xurxo Meis (batería), Diego Gende (guitarra), Mar Catarina (teclados) e Rubén Domínguez (baixo). Na cámara semianecoica, o 13 de decembro, tamén con dous pases ás 16:30 e 17:30.
As sesións anecoicas teñen entrada libre pero aforo moi reducido, polo que hai que inscribirse previamente en info@sinsalaudio.org