MONUMENTA 2021
Monumenta, andar con arte é un programa de actividades culturais, organizadas pola Consellería de Cultura e Turismo, que se desenvolve ao redor da acción de camiñar e da experiencia da andaina como a mellor e a máis antiga das maneiras de explorar e de vivir o territorio.
Con este ciclo de xestión e divulgación do patrimonio, queremos abordar as prácticas culturais contemporáneas nun contexto social complexo debido a factores dinámicos como a tecnoloxía e, por suposto, as consecuencias actuais derivadas da crise da Covid-19 e a preocupación ambiental.
Monumenta, andar con arte aposta pola re-apropiación do patrimonio desde as comunidades locais para que a socialización do patrimonio sexa real e xere procesos de identificación emocional. Por iso, unha das características de Monumenta, andar con arte é a idea de experiencia circular da cultura incorporando conceptos de participación transversais.
Nesta edición do 2021, durante 14 roteiros dedicados á celebración do Xacobeo 2021- 2022, continuamos coas prácticas que identifican este ciclo entre os seus seguidores: visitas ao patrimonio monumental ou etnográfico; divulgación dos elementos físicos e ambientais do territorio propoñendo outras formas de narrar e comunicar a nosa historia; experiencias complementarias e alternativas ás ferramentas dixitais; e, sobre todo, o equilibrio entre divulgación e lecer, implementando actividades paralelas como gastronomía, música, etc.
Pero ademais, neste contexto de reflexión que vivimos polos grandes retos marcados desde a axenda dos obxectivos de desenvolvemento sostibles ( ODS), nesta edición queremos apoiar a creatividade e a innovación nas políticas culturais relacionadas co patrimonio. As actividades dos creadores contemporáneos, que inscriben o seu traballo artístico na vida comunitaria; a importancia da dimensión simbólica das prácticas sociais; e o recoñecemento de oficios e saber tradicionais, forman parte desta intersección.
Poesía e literatura, cinema, arte contemporánea, economía circular, ruralismo, cambio climático e participación social incorpóranse –ou reforzan o seu papel– en Monumenta, andar con arte 2021 programando actividades, conferencias, faladoiros, encontros, etc. dentro dos 14 roteiros que desde agosto ata mediados de setembro percorrerán Galicia coa novidade dunha primeira aproximación ao Bierzo leonés.
PDF Programación 2021
ANDAINAS 2021
| Os contactos culturais nos camiños marítimos, Pontedeume, A Coruña | El Camino Olvidado” no Bierzo El Bierzo, León | A formación dos Camiños de Santiago, Pedrafita do Cebreiro, Lugo | As bágoas de San Lourenzo desde o Cabo do Mundo, O Castro, O Saviñao, Lugo | Arqueoloxía na Vía da Prata: o castelo de Lobarzán, As Chás , Oímbra, Ourense | Os camiños da minaría aurífera en Galicia, Ribas de Sil, Lugo | Cea, a vila do bo pan, San Cristovo de Cea, Ourense | Peregrinas a Santiago de Compostela, Berdoias, Vimianzo, A Coruña | A paisaxe litoral na punta de Corrubedo, Corrubedo, Ribeira, A Coruña | Cultos, ritos e lendas dos penedos galegos, Ponteareas, Pontevedra | Camiño Miñoto Ribeiro, Pazos de Arenteiro, Borborás, Ourense | Os bosques sagrados de Galicia, O Corgo, Lugo | A Vía Mariana luso-galaica, Cercedo – Cotobade, Pontevedra | Desde Carboeiro ao Kumano Kodo en Xapón, Silleda, Pontevedra.