SINSALAUDIO / Actualidade

MONUMENTA 2019

19 de Novembro de 2019

Monumenta, andar con arte é un programa de actividades culturais, organizadas pola Consellería de Cultura e Turismo, que se desenvolve ao redor da acción de camiñar e da experiencia da andaina como a mellor e a máis antiga das maneiras de explorar e de vivir o territorio.

Para esta nova edición, Monumenta concentra o seu foco de divulgación nos itinerarios culturais, aqueles camiños de ida e volta que facilitaron o transvasamento cultural e deixaron numerosas pegadas en todo o país. A metade das andainas do programa estarán dedicadas a estes feitos, sen esquecer outros elementos da paisaxe onde se materializaron esas influencias.

A arquitectura indiana é, talvez, o exemplo máis fascinante deste fenómeno, e a andaina pola fermosa vila mariñeira de Redes será unha viaxe á cultura da emigración. Outro exemplo, aínda que neste caso nun contexto social e artístico diferente, será a visita a Sargadelos onde falaremos
da orixe do Laboratorio de Formas e, sobre todo, das figuras de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane. Por outra banda, a botánica escenifica unha paisaxe onde a trazabilidade da historia da emigración deixou o seu rexistro. Nesta ocasión, iremos ata
os xardíns de Padrón, vila por onde pasa o máis importante itinerario cultural europeo, o Camiño de Santiago, que tamén será protagonista de dúas andainas dedicadas á música (Sober) e ao cambio climático (Oia).

Por último, outras temáticas habituais da programación serán: o patrimonio industrial, a lingua galega, a literatura e, por suposto, a propia acción de camiñar, que contará cunha andaina dedicada á historia do andar na literatura e no cinema mentres paseamos polos bosques da Ribeira Sacra.

Cada ano, Monumenta quere dar pequenos pasos na procura dunha experiencia máis integradora. Ademais de contarmos con música ambulante, a gran novidade deste ano é a divulgación dos sabores e olores da cociña local, que nos permitirán aproximarnos á riqueza cultural de Galicia.

Oito andainas transversais onde o patrimonio se analiza
e se percibe cunha perspectiva circular, acompañados polo entusiasmo, a curiosidade e o compromiso de todas e todos os seguidores que participan en cada edición e fan posible este ciclo.

1. Olegado cultural, social, educativo e botánico dos emigrantes indianos

REDES, ARES, A CORUÑA. 3 de agosto 10:30

2. As canteiras de Moaña e a construción da paisaxe urbana en Galicia

MOAÑA, PONTEVEDRA 4 de agosto 10:30

3. Música no Camiño de Santiago e música para camiñar

SOBER, LUGO 10 de agosto 10:30

4. O mosteiro de Oia e a historia do clima no Camiño Portugués da Costa

OIA, PONTEVEDRA 11 de agosto 10:30


5. Sargadelos e o Laboratorio de Formas de Galicia

SARGADELOS, CERVO, LUGO 14 de agosto 11:00

6. Padrón, un xardín literario

PADRÓN, A CORUÑA 24 de agosto 10:00

7. Castro Caldelas, paseo pola capital da lingua galega escrita

CASTRO CALDELAS, OURENSE 25 de agosto 10:30

8. Santa Cristina de Ribas de Sil e o concepto da viaxe na literatura e no cinema

PARADA DE SIL, OURENSE 31 de agosto 10:30

PROGRAMACIÓN MONUMENTA 2019