SINSALAUDIO / Actualidade

Monumenta 2017

19 de Novembro de 2017

Monumenta, andar con arte é un programa de actividades culturais, organizadas pola Consellería de Cultura e Turismo, que se desenvolve ao redor da acción de camiñar e da experiencia da andaina como a mellor e a máis antiga das maneiras de explorar e de vivir o territorio.

Nesta edición, as andainas seguen os pasos de camiñantes ilustres que recolleron os seus saberes ou que atoparon a súa inspiración ao longo do territorio galego, como Domingo Fontán, Alan Lomax, Ruth Matilda Anderson ou Casto Sampedro.

O camiñar, como o respirar, revestiu de contido os nosos carreiros ao longo da historia, para configurar a paisaxe, os nosos relatos e vivencias. Coas explicacións dos camiñantes convidados, Monumenta achega outra mirada aos nosos camiños, nos que se erguen os edificios históricos relixiosos ou as primeiras instalacións da Revolución Industrial. Convidados expertos en diferentes áreas como a arquitectura, a arqueoloxía, a xeografía, a xeoloxía ou a arte, axudarannos a entender outras particularidades e valores dos diversos aspectos do patrimonio material e inmaterial de Galicia.

Con este ciclo de andainas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia achégalle á cidadanía unha experiencia diferente de vivir e sentir o noso patrimonio, relacionando cada edificio co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística.

PDF Programación 2017

ANDAINAS 2017

| Dous séculos do rostro de Galicia, Santiago de Compostela, A Coruña | Os cultos en Santa Mariña de Augas Santas, Allariz, Ourense | Os morcegos de Santa María de Pesqueiras, Chantada, Lugo | A Valga Romana, Pontevedra| Escoitando as Terras de Miranda, Mondoñedo, Lugo | Pola Costa da Morte con Ruth Matilda Anderson e Manfred Gnädinger, Camelle, Camariñas, A Coruña | Tras os pasos de Casto Sampedro, Illa de San Simón, Redondela, Pontevedra.  | Alan Lomax e os afiadores dos Peares, Nogueira de Ramuín, Ourense.