HISTORIA: do cilindro aos discos planos
Vinte e seis anos despois do descubrimento de Léon Scott, Emile Berliner -un traballador emigrante alemán nos laboratorios de Graham Bell- interesouse polo fonoautógrafo e, sobre todo, polo seu estilete unido ao diafragma, co que conseguía facer lateralmente a inscrición do son. Durante algún tempo, investigou nese sistema en lugar do que usaban o fonógrafo ou o grafófono, ambos co rexistro do son na profundidade do suco.
1. O noso amigo o suco
Tamén chamado fonograma, a gravación mecánica en cilindros e discos planos consiste en escribir un suco sobre un material brando. No cilindro, a información rexístrase nas variacións de profundidade do suco mentres que no disco se rexistra na súa parede lateral. Esta diferenza repercute nas vibracións do diafragma e é máis acusada no gramófono, o que determina un son máis fiel ao orixinal. No cilindro fonográfico, este suco é unha rosca helicoidal ao longo da súa superficie, mentres que no disco gramofónico é unha espiral.
2. Velocidade a ollo
Os primeiros gramófonos non dispuñan dun motor de corda, polo que eran accionados manualmente. As súas instrucións aconsellaban que o disco debía xirar aproximadamente 70 voltas nun minuto (70 rpm). Accionalo con máis ou menos revolucións das debidas provocaría distorsións no son xerado. O complexo
destes manuais de instruccións dos primeiros gramófonos era saber cal sería o movemento adecuado da manivela ata acadar a velocidade óptima. A chamada “tracción manual” estivo presente nalgúns modelos de xoguetes infantís e tamén en orixinais tarxetas publicitarias que durante os anos sesenta incluían unha mensaxe sonora co seu correspondente reprodutor.
3. O mensaxeiro automático
O decálogo de Edison ía cubrindo etapas e, nalgúns casos, a realidade chegaba a superar a idea orixinal. A firma Telegraphon Company deseñou un fonógrafo cun cilindro xigante que permitía gravacións de até 10 minutos. Esta máquina especial fora pensada para que o público rexistrara as súas
mensaxes obtendo un número de referencia. O cliente entregaba este código á persoa interesada e esta só tiña que chamar por teléfono á compañía, indicar a súa clave, e xa podía escoitar o documento sonoro correspondente. Este tipo de mensaxes enlatadas funcionaron durante a época na que a telefonía aínda era un servizo moi restrinxido ás empresas.
4. A dura transición
A transición do fonógrafo ao gramófono non foi doada porque os intereses afíns á firma Edison pesaban demasiado. Por iso, pode entenderse que os primeiros gramófonos comercializados fosen adaptacións en xoguetes debidas aos fabricantes alemáns Kammer & Reinhardt. En 1889, Berliner autorizou a
fabricación do primeiro gramófono de xoguete en miniatura, con discos de celuloide de 13 centímetros de diámetro e movemento manual, distribuido co nome de “gramófono”. A novidade non tería grandes resultados económicos, se ben causaría sensación e abriría as portas a posterior saída ao mercado
do reprodutor de adultos a finais do século XIX. Daquela empezou a súa fabricación en Inglaterra, mentres a prensaxe de discos realizábase en Alemaña.