Alejo Andrade Yáñez
(GL)
A Arquitectura de San Simón
Se botamos unha primeira ollada á paisaxe actual de San Simón, observamos que é un espazo ordeado, no que a natureza é o seu principal protagonista malia a notable presenza da arquitectura. Case todo o que vemos na illa, mesmo unha parte importante dos seus bordes costeiros, son froito da acción humana, que esculpe e modela, empregando para iso o material máis popular de Galicia, o granito.
Todas as construcións, tanto estruturais como de servizos nas dúas illas chegan a un nivel moi alto de calidade formal e construtiva. Os peiraos, o muro perimetral e a extraordinaria ponte de tres arcos constitúen un prodixio de racionalidade e dominio do material empregado. O conxunto é un tratado da «arte da pedra» e unha auténtica lección de arquitectura ao servizo da estética e da súa funcionalidade.
Dúas foron as ideas que levaron á transformación deste conxunto natural e, porén, permaneceron nun segundo plano malia a súa influencia: por un lado a «arquitectura corentanaria» e a súa metodoloxía construtiva froito dun fondo debate internacional durante os séculos XVIII e XIX no que se puxeron os alicerces da arquitectura hospitalaria contemporánea; e por outro, a sensibilidade do home ilustrado, humanista, de sabedoría integral, que ten en Galicia ao enxeñeiro Alejo Andrade Yañez como unha das súas grandes figuras.
O modelo de lazareto internacional: as Nouvelles Infirmeries de Marsella
A finais do século XVIII iniciouse en Francia (e noutros países) un debate sobre o novo modelo hospitalario, con demandas sanitarias contemporáneas: a conservación dun aire puro no interior do recinto e o coidado da salubridade en xeral; a separación dos diferentes tipos de doentes e, tamén, dos servizos do hospital; a atención ao problema da circulación dos usuarios e as mercadorías, etc. Foi un proceso de investigación longo e ambicioso no que, entre outros, participaron os arquitectos Jean-Baptiste Le Roy e Bernard Poyet.
O lazareto marsellés comungaba coas ideas xurdidas do debate sobre a nova tipoloxía de hospital. Era lóxico que servise de modelo para outros que, en adiante, foron construídos seguindo os postulados establecidos pola Academia das Ciencias francesa. Este lazareto de Marsella era, en 1785, un complexo de corentena no que existía unha compartimentación bastante estrita dos diferentes departamentos.
Contaba cun espazo de patente sucia (contaminada) e con dous para a patente limpa debidamente separados por unha dobre liña de murallas. Tiña ademais, edificios separados para os enfermos e para os convalecentes, e un recinto especial para os coiros, considerados extremadamente perigosos. Ademais, posuía diferentes fondeadoiros para cada tipo de embarcación e distintos peiraos de atraque. Esta segregación reflectíase no interior dos edificios, cada un deles especializado nunha clase de mercadorías e pasaxeiros.
En 1838, en San Simón, estableceuse esta tipoloxía construtiva. O conxunto das dúas illas, ademais das condicións naturais da Ría de Vigo, reveláronse idóneas para a instalación desta infraestrutura tan necesaria no tráfico marítimo oceánico. No proxecto orixinal xa eran expostas as necesidades que debería afrontar a empresa construtora. Este documento indicaba que na illa principal, en San Simón, había que construír: o hospital de convalecencia (actual Casa da Cultura); no centro desta illa, e na plataforma máis elevada, unha casa de administración con oficinas e apartamentos para o alcalde, médico, cirurxián e capelán (actual Residencia Estella Maris); e entre ambos edificios establecerase un mercadiño ou cantina para comestibles e outros xéneros de consumo (actual cafetería). Ademais, construiríanse nesta illa catro grandes almacéns, cubertos de aireo, casa de vacas para os gandos de descarga, cuarteliño de vixilancia; peiraos laterais, etc.
Pola súa parte, en San Antón: había que construír molles de desembarco, un deles con rampa de descarga; un cuberto ou almacén de aireo para os efectos apestados (contaminados); un hospital sucio (doentes moi graves) e un cemiterio con capacidade abondo. Todos os edificios de San Antón debían estar circundados por unha parede ou muro de mampostería coas súas balaustradas de seguridade e, coa fin de facilitar a comunicación destas dúas illas, tiña que levantarse unha ponte con 3 arcos. Ademais, en cada extremo da ponte, había que instalar unha porta de seguridade para os casos necesarios en tempo de corentena.
Alejo Andrade e a arquitectura moderna de San Simón
O encargado de levar adiante este proxecto foi o enxeñeiro-arquitecto Alejo Andrade Yáñez, que destacou non só polos seus coñecementos técnicos senón, tamén, polo seu espírito sensible co patrimonio e o progreso científico de Galicia.
Entre as súas principais obras, ademais do lazareto de San Simón, deixounos a capela neoclásica do Cemiterio de San Amaro (A Coruña), que responde a un modelo levantado na Sacramental de San Isidro de Madrid por Juan de Villanueva, unha pequena réplica do Panteón de Roma. E pola súa importancia, destacan os planos do proyecto da estrada da Portela da Canda a Ourense (1840), ao recoller o itinerario deste vello camiño sobre o que, en parte, superpúñase a nova estrada. Este coñecemento cartográfico víñalle do seu mestre e amigo Domingo Fontán, co que colaborou nesa faraónica e excepcional obra que foi o Mapa de Galicia.
En San Simón, a monumentalidade neoclásica da ponte, a capela ou os peiraos da illa, contrastan coa modernidade dos edificios principais como o edificio administrativo (Estella Maris) a cantina (Cafetería) e a residencia de pasaxeiros (Casa da Cultura).
É dicir, a arquitectura de San Simón e San Antón son un exemplo de síntese das diferentes correntes da época na que o canonizado estilo neoclásico empezaba a deixar paso a unha arquitectura máis funcional e práctica debido aos profundos debates humanistas.
Entre as principais características destes edificios figura, por exemplo, a forma da planta, que tiña que adaptarse, na medida do posible, ao rectángulo. Esta xeometría permitía un maior aproveitamento do espazo con menos gasto. Outra razón para adoptar esta forma era a posibilidade de vixiar mellor cun menor número de gardas. Por outra parte, tamén é característico desta arquitectura as amplas ventás e numerosos vans, que favorecen a ventilación e a iluminación. Mentres, no seu interior, os principais edificios dedicados á atención de pasaxeiros organízanse ao redor dun eixo central, que separa as habitacións en dúas salas diferentes, o que favorece a división por xéneros e a asistencia aos enfermos.
En San Antón, só quedan os impoñentes muros e peiraos que rodean a illa, xa que do resto de edificios só se adiviña a planta entre o pavimento e a vexetación. Pola súa parte, en San Simón aínda se conservan as construcións principais ao lado doutras estruturas que desapareceron ou experimentaron unha grande transformación porque o lazareto foi adaptándose, ao longo dos anos, ás diferentes necesidades da pasaxe e aos avances médicos.
Descarga PDF (español/english)
alejo_andrade