SINSALAUDIO / Actualidade

O aeroporto marítimo de San Simón

11 de Maio de 2019

GAL
A enseada de San Simón foi escollida en 1928 para acoller o primeiro aeroporto marítimo de Galicia. A idea do goberno de Miguel Primo de Rivera era converter o fondo da ría de Vigo nunha zona permanente de amerizaxe da futura frota española de hidroavións comerciais. Este proxecto complementábase coa construción nas Gándaras de Budiño, no Porriño, do aeroporto de Galicia.

O ditador andaluz emprendera un programa global de mellora de comunicacións en toda España, que abranguía todos os ámbitos. Durante a guerra de Marrocos, o pai do fundador da Falange comprendeu o grande potencial da aviación e pretendía aplicala ao transporte de viaxeiros e mercadorías, tal como empezaban a facer os países máis avanzados.

A partir de 1927, o Goberno empezara a adaptar as leis a este campo, ao tempo que encargaba a unha comisión de expertos un proxecto de construción de aeroportos en territorio nacional. En xullo de 1927 xa foi publicada a definición que sería aplicada aos aeródromos: «Calquera terreo ou extensión de auga mariña ou doce disposta para a partida e chegada das aeronaves, considerándose como tal todos os aparatos que podan estar ou navegar no aire». Nese real decreto lei especificábanse as características dos aeroportos de carácter marítimo. Estarían sometidos á lexislación dos portos marítimos.

Así mesmo, establecíanse sedes en Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Alicante, Málaga, Burgos e «un que sexa designado en Galicia e outro en Canarias».

Houbo que agardar á publicación de La Gaceta de Madrid, o 29 de febreiro de 1928, para saber que o aeroporto terrestre sería construído nas Gándaras e o marítimo, na enseada de San Simón. «Que a instalación do aeroporto marítimo nacional de Galicia teña lugar na enseada de San Simón, próximo ao punto onde a Aeronáutica Naval, na praia de Cesantes, construirá as suás instalaciones», pode lerse na real orde publicada no antecedente do Boletín Oficial del Estado.

Apuntan as crónicas da época que Redondela recibiu a boa nova con música nas rúas e o lanzamento de bombas de palenque. O alcalde Saturno Cal enviou axiña un telegrama de felicitación ao marqués de Estella, título nobiliario pertencente a Miguel Primo de Rivera. Esta real orde, e a conseguinte ledicia, era o resultado do estudo realizado por unha comisión técnica. Ante este traballo, o Consello Superior de Aeronáutica propuxo situar o aeroporto terrestre nas Gándaras, pero non de forma definitiva porque era dito na súa determinación que «cando o desenvolvemento das liñas aéreas o aconselle, podería trasladarse, efectuando para iso as obras de recheo e explanación necesarias, ás inmediacións do aeroporto marítimo nacional situado na praia de Cesantes». A intención era concentrar no mesmo espazo os dous aeródromos.

Uns meses máis tarde, o Goberno establecía que, aínda que os dous aeroportos estiveran situados no Porriño e Redondela, a Xunta de Aeroportos de Galicia, máximo organismo reitor de ambos, tería a súa sede en Vigo, e dotábao cun orzamento de 25.000 pesetas.

Aínda que as intencións eran boas, os pasos materiais eran extremadamente lentos. En xullo de 1929, aínda con Primo de Rivera no poder, o Goberno aprobaba un orzamento dun millón de pesetas para iniciar as obras de todos os aeroportos previstos en España, unha cantidade ridícula para asumir as obras de nove aeroportos terrestres. E aínda máis sabendo que o 2 % deses cartos destinaríase á caixa de tráfico aéreo nacional. Primo de Rivera veuse forzado a dimitir en xaneiro de 1930 sen que puidese rematar a programación aprobada dous anos atrás.

Pouco antes da proclamación da Segunda República, en febreiro de 1931 o Goberno aprobaría o regulamento de funcionamento da Xunta Central de Aeroportos. Porén, dende ese momento a prioridade nos orzamentos concentraríase en Madrid, Barcelona e, posteriormente, en Valencia.

La Gaceta de Madrid do 16 de outubro de 1934 recollía «a conveniencia de suprimir as xuntas locais dos aeroportos de Guipúzcoa e Galicia, xa que non se atopaban terreos adecuados».

Esta explicación, no caso galego, estaba xustificada polo cambio de localización do aeródromo das Gándaras de Budiño polo que sería anos despois Peinador. Ao mesmo tempo que era suprimida a Xunta de Vigo, desde o Goberno ordeábase entregar á Xunta Central «o activo e o pasivo dos bens». Aquí morría definitivamente o proxecto conxunto dos dous aeroportos.

Se as derrotas son orfas, é sabido que as vitorias teñen numerosos proxenitores. No caso de San Simón, un deles foi o alcalde de Redondela, Saturno Cal. Pouco despois de coñecerse a designación de San Simón, desde El Pueblo Gallego ensalzábase o labor realizado anteriormente por este rexidor nos despachos ministeriais. «Queremos dejar sentado que la playa de Cesantes en la playa de Redondela y que las condiciones incomparables de esta, y no menos a cuanto Redondela se interesó porque así se reconocieran, contará muy pronto Redondela con el aeropuerto marítimo nacional, y en el territorio redondelano habrán de descender en su día las aeronaves gigantes, que en pocas horas traigan a la región gallega las manifestaciones de vida y progreso de lejanos países, y es indudable que será Redondela el primer pueblo español que haya de darles la bienvenida», dicíase no xornal de Portela Valladares en 1928.

Xunto coa designación de San Simón tamén chegaron as queixas desde outros puntos de Galicia. En Ferrol sentíronse doídos. Consideraban as autoridades ferrolás que na súa ría dábanse todas as condicións para asumir esta función. Nin uns, nin outros. O proxecto esvaeceuse nos acontecementos sufridos en España a partir de 1936. Iso si, na actualidade os avións entran e saen por riba da enseada de San Simón cando utilizan o aeroporto de Peinador.
Jorge Lamás, xornalista e historiador. 

Descarga PDF (español/english)
Aeroporto marítimo de San Simón