O organo da compañía doutra maneira
DATAS: marzo – xuño de 2009
LUGAR: Igrexa da Compañía da Universidade de Santiago de Compostela
ORGANIZA: Vicerreitoría de Cultura da USC
COMISARIADO E PRODUCIÓN: Sirgo Torcendo
COLABORA: SINSALaudio
O órgano da Compañía, doutra maneira é un proxecto multidisciplinar que pretende darlle vida a este valioso instrumento musical, patrimonio da Universidade e da cidade de Compostela, a través dun achegamento diferente á súa música e ás súas posibilidades e recursos acústicos e expresivos.
Na que é xa a súa segunda edición, o ciclo amplía o seu espectro multidisciplinar para dar cabida a xéneros artísticos diversos, non só musicais. Desta volta, achegarémonos á música de órgano desde estilos tan diversos como o jazz a improvisación, a música para instrumentos góticos de tecla ou a danza barroca, nunha singular simbiose entre a sobriedade e a maxestade do órgano da igrexa da Compañía e a variedade rítmica, sonora e visual dos instrumentos contemporáneos e das coloridas coreografías barrocas.
O noso protagonista, o órgano da Compañía, reinvéntase unha vez máis a si mesmo, para facer jazz, música contemporánea, ambientar a escena de dous bailaríns ou para traernos de novo os sons dos órganos góticos que desapareceron hai xa moito tempo das nosas igrexas. Un programa sorprendente da man de artistas excepcionais nun discurso aberto aos públicos O órgano da Igrexa da Compañía foi construído en 1801 polo compostelán José Sanz, para o Colexio de Capeláns de Sancti Spiritus,
que celebraba entón os seus cultos no templo. Foi restaurado polo taller de organaría de Gerhard Grenzing en 1998. Situado no coro alto da igrexa, no lado esquerdo, o órgano é de tipo polifónico con teclado único de xanela, e destaca polos seus vinte e catro xogos, que inclúen os
frautados, címbalas, cornetas, trompetas reais ou claríns, entre outros.
Se ben construído xa a principios do século XIX, continúa a representar as características propias do órgano barroco español. Destaca, pola súa espectacularidade, a trompetaría de fachada ou de batalla, cos seus tubos horizontais. É esta unha característica exclusiva do órgano ibérico, como tamén o é o denominado teclado partido que posúe este órgano e que permite, cun só teclado, combinar rexistros (e polo tanto sonoridades) diferentes, un rexistro da metade do teclado cara ás notas máis agudas (para a man dereita) e outro cara ás notas máis graves (para a
man esquerda).