SINSALAUDIO / Actualidade

FESTIVAL SINSAL E FESTIVAL ALT07

2 de Decembro de 2007

LUGAR: Museo de Arte Contemporánea de Vigo, día 07 de Decembro ás 21.00 Horas.
CONCEPTO: Segunda parte da Colaboración entre os Festivais Alt07 e Sinsal 2007.
CLAUSURA PROGRAMACIÖN FESTIVAL SINSAL 2007


Concerto audiovisual de Stars Of the Lid.

Brian McBride e Adam Wiltzie volven cinco anos logo de entregar “The Sounds Of Stars Of The Lid” para facerse co trono que deixaron baleiro Labradford, compañeiros e emblena do selo KRANKY, tras a súa separación. E Stars Of The Lid volven para quedar entre nós con ese magma ambiental que se basea en texturas vaporosas a base de repetición de acordes que parecen ir e vir como as ondas do mar. Este dobre compacto (triplo LP na súa edición en vinilo) é unha volta de tuerca á que o dúo cimentou no seu anterior álbum, un todo sinfónico no que a experimentación cos drones segue sendo a súa principal arma, polo menos no primeiro disco. Coma se fose unha sinfonía de sons fabricados ex profeso para a banda sonora dunha película espacial, Stars Of The Lid coidaron aquí todos os detalles. Lonxe do que se puidese pensar, estes temas non son para escoitar coma se fose música de ascensor, senón no silencio do fogar e cun bo equipo hi-fi para apreciar toda a súa beleza e perfección e experimentar as sensacións que afloran co fluído deses suxestivos magmas sonoros.

Para a súa recente xira europea, que os traerá ata Vigo na clausura do Festival Sinsal 07, o dúo americano convértese en octeto, formado ademáis das programacións de Brian e Adam, por un cuarteto de corda (violín, viola, cello) e unha montaxe especial con catro proxectores antigos de 16 mm. Toda una performance audiovisual que si coa sonoridade de Stars Of The Lid xa é unha viaxe ao berce do ambient contemporáneo, con esta super-producción promete ser unha das mellores bandas sonoras do vídeo contemporáneo.

Con este concerto o Festival Sinsal, patrocinado polo Concello De Vigo, A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Museo Marco de Vigo, pechará a súa programación neste ano 2007 e tamén corresponde na segunda parte da colaboración aberta co Festival de Danza Alt07, que tivo nunha primeira entrega a actuación do grupo catalán Cabo San Roque no pasado mes de marzo. A unión da música, o teatro, o cine, a danza, e outros xéneros en proxectos multidisciplinares é unha das premisas marcadas con esta colaboración entre ámbolos dous eventos locais que, ademáis de presentar en Vigo espectáculos da arte multimedia do século XXI, tamén expón a tódolos públicos, tanto nas súas colaboracións como nas respectivas programacións, un concepto de identidade permeable ás diversas influencias artísticas.

Formación de Stars Of The Lid:

- adam wiltzie
- brian mcbride
- luke savisky
- ken christaens
- paul simang
- noura sanatian
- maral mohammadi
- ella baruch