La casa de los ingleses
La casa de los ingleses ante a pregunta “Cal foi a vosa experiencia musical dentro da cámara anecoica?“
É ben certo que cada lugar no que tocamos ten as súas peculiaridades acústicas e unha resposta sonora propia. Cada lugar é diferente e non sempre é fácil que todos os membros do grupo consigamos estar a gusto. Sen embargo, a proposta para tocar nunha cámara anecoica xa nos dicía de entrada que nos agardaba unha experiencia completamente nova; isto era o único que tiñamos claro antes de entrar. Por iso tamén aproveitamos a ocasión e decidimos preparar un formato tamén novo para nós, ao que aínda hoxe, e polo baixiño, chamamos “formato anecoico”.
É moi difícil describir sensacións, pero unha vez dentro da cámara sentiámonos rodeados dunha atmosfera artificial, estraña, intensa e lixeiramente opresiva. Sensación que foi incrementada polos minutos de obrigado silencio que nos propuxemos os alí presentes para entrar en situación antes da interpretación. Dende o punto de vista da execución ou interpretación musical a sala é moi esixente, pois as condicións contribúen a que a percepción propia (propiocepción) se vexa multiplicada e cada erro de interpretación fora moito máis notorio.
Non chegamos a estar tanto tempo como para sentir desorientación ou incomodidade, pero non é difícil imaxinar que estas sensacións aparecerían en circunstancias de soidade e escuridade.