SINSALAUDIO / Actualidade

HISTORIA: no principio do século XX

29 de Marzo de 2009

1. O can máis famoso da historia

O can máis famoso do século XX non foi ao espazo nin tampouco traballou no cine. Foi un Fox-Terrier nacido en Bristol en 1884, que escoitaba un fonógrafo e se chamaba Nipper -nome que se adoita dar aos cans que traban ás visitas-. É unha bonita historia datada nas orixes da música enlatada: un can e un fonógrafo con cilindros gravados polo seu amo, tras a morte do seu propietario pasaron o seu irmán, o pintor inglés Francis Barraud. Cada vez que o artista puña o fonógrafo cos cilindros herdados, o can
achegábase até a bucina do aparato e permanecía alí quieto, escoitando a voz do seu amo -His Master Voice-). O momento foi inmortalizado por Barraud nun primeiro cadro que, tal e como ía evolucionando o fonógrafo, axiña quedaría anticuado. Pasado algún tempo, un amigo do pintor suxeriulle actualizar a bucina do fonógrafo e Francis Barraud dirixiuse a unha tenda da Gramophone Company en Londres na que pedir prestada unha daquelas bucinas novas e brillantes, para pintala outra vez no seu cadro de Nipper. O xerente da tenda, Barry Owen, prestoulle a bucina a cambio de que o pintor lle levase logo o cadro. Este mostrou un grande interese pola obra, sempre e cando Barraud substituíse o fonógrafo por un gramófono. Así naceu o logotipo definitivo de Nipper escoitando “A voz do
seu amo” ou HMV.

2. A evolución dos cilindros

Despois da modificación do material dos cilindros introducida co grafófono, iniciaríase unha carreira por perfeccionar o soporte e a posibilidade de duplicar o seu tempo. Nun principio, cada cilindro era único e para obter copias dunha mesma canción, ben se usaban máis fonógrafos cos que gravar varias
tomas dunha vez, ben o artista debía repetir a mesma interpretación en diversas ocasións. Por exemplo: se querían producir 500 cilindros dunha canción, era necesario executar 25 veces a mesma obra e gravala de xeito simultáneo en 20 fonógrafos.
En 1902, Edison patenta o cilindro Gold Mold, elaborado a partir dun molde que permitía a produción en serie de cilindros técnica desenvolvida anteriormente por Thomas Lambert e por cuxa patente mantiveron un duro enfrontamento ante os tribunais-. En 1912, en plena batalla co disco plano, Edison presenta o cilindro Amberol que permite un tempo de rexistro de até 4 minutos. Finalmente, nun último intento desesperado por non perder a súa guerra comercial contra o gramófono, desenvolve
o Cilindro de Celuloide indestrutíbel -considerado o soporte máis perdurábel e resistente do son analóxico- de grande calidade acústica. Pouco tempo despois, Edison arroxaría a toalla ante a superioridade do disco, abandonando a investigación do cilindro e centrándose na fabricación de discos: a súa primeira produción é de 1913, o disco de diamante.


3. A resina dos insectos

Os primeiros discos comercializados por Berliner eran de ebonita (caucho endurecido), até que descubriu nunha fábrica de uniformes militares uns botón cun material denominado Shellac ou goma laca -unha resina procedente dun insecto orixinario da India-. Prensaron algúns discos cos que estudar as súas características acústicas e o resultado foi óptimo: a resina ofrecía un mellor desprazamento da agulla e melloraba o son en superficie.
En 1897, comezaron a comercializarse as primeiras copias de discos co novo material e, unha década máis tarde, seguindo unhas indicacións de Marconi -o inventor da radio- a súa composición evolucionaría coa substitución de discos sólidos de Shellac por outros co centro de cartón e bañados en goma laca. Desta forma o disco era máis delgado e flexíbel, aínda que os seus problemas non rematarían até a chegada do vinilo 30 anos máis tarde.

4. O último Castrati

A tradición dos Castrati pérdese nalgún lugar do Impero Bizantino alá polo século XII, cando os eunucos cantaban. Despois chegarían os auténticos Castrati, varóns que imitaban as peculiaridades específicas da voz feminina porque as mulleres non podían participar nos coros relixiosos. A súa interpretación ocupou boa parte da historia da música até que se prohibiu a castración masculina con fins artísticos no século XIX.
A música enlatada está unida ao último dos Castrati, chamado Alessandro Moresschi, de quen se conservan dúas gravacións de principios do século XX. Os dous rexistros teñen o valor de ser os únicos documentos coa incríbel voz dos “eternos nenos cantores”.

5. Na busca do mellor son

Os fabricantes de discos e gramófonos pelexaban por convencer ao público de que os seus produtos conservaban as mellores condicións de son. En 1902, a compañía Victor contratou ao tenor italiano Enrico Caruso e gravou varios discos, porque mentres algúns tons non quedaban ben rexistrados nos soportes da época, os vibratos do grande artista italiano brillaban especialmente sobre os sucos. Con estas interpretacións estrearon a serie de 10 polgadas -rompía coa hexemonía do formato de 7 polgadas- serigrafadas co logotipo de Nipper na súa superficie. Ademais de servir de publicidade, as gravacións de Caruso axudaron a convencer as estrelas musicais da época que aínda eran reticentes a deixarse rexistrar en disco.

6. De onde saíu a “música enlatada”

O termo “música enlatada” xorde dun dos directores de banda de música máis populares da historia: John Philip Sousa, quen encabezou en Estados Unidos as protestas contra a posibilidade de gravar música en cilindros e discos, soportes os que despectivamente denominaba “latas” polo son que emitían.
A súa actitude tan tradicional respecto das gravacións e das novas formas de difusión levárono a opoñerse tamén, durante un tempo, á retransmisión dos seus concertos na radio. En 1906  afirmou: “cando era neno, en fronte da casa durante as noites de verán había mozos cantando cancións novas e vellas. Hoxe tes que oír esas máquinas infernais -os fonógrafos- que soan a todas horas”.


7. O disco polas dúas caras

A principios do século XX producíronse dous avances importantes na técnica discográfica: a gravación polas dúas caras do disco e a comercialización do formato de 10”. As dúas melloras introducidas abrían a posibilidade de pasar dos 2-3 minutos iniciais cos discos de 7 polgadas até case 10 minutos de duración (cinco por cada cara). Aínda e todo, este tempo era claramente insuficiente e na primeira gravación dunha ópera completa -Ernani de Verdi en 1903 para His Master Voice- necesitáronse 40 discos por unha cara.
En 1909, outra compañía, a alemá Odeon, pioneira no rexistro polas dúas caras, publicou o primeiro “álbum ou long play” coa suite do Crebanoces de Tchaikovsky, que ocupaba catro discos completos e se vendía nunha caixa deseñada especialmente. A partir da segunda década do século XX as gravacións polas dúas caras xa eran o estándar da industria discográfica.

8. Postais sonoras

Ademais do disco e o cilindro, de todas as aplicacións que o rexistro do son tivo na industria da época, a máis sorprendente foi a postal sonora. Xorde en Alemaña cara ao ano 1903 e dende alí expórtase a outros países do mundo nos que, segundo o seu idioma, iría adquirindo outras denominacións: Phono-Postal, Musik-Postkate, Carte-Disque, Postkarte, Talking Postcard, Disco-Postal, etc. Nas súas orixes, consistía nunha postal tradicional á que se incorporaba un disco fino.
O sistema foi perfeccionándose cos anos, e os sucos chegaron a tallarse directamente sobre unha base de plástico transparente adherida ao cartón da postal. Por último, facíase un buraco no centro do suco polo que introducir a postal nun tocadiscos. Este orixinal sistema de incluír son nas postais xeraría outro
mundo paralelo de aplicacións e deseños a partir dos anos 50. Entre os seus sucos había todo tipo de contidos: cancións populares, biografías, mensaxes políticas, felicitacións de aniversario, panxoliñas, publicidade, receitas de cociña, etc.


9. O disco que se come

As máquinas de “música á carta” ou jukeboxes non serían as únicas innovacións dentro da industria do ocio. As grandes posibilidades que a gravación mecánica ofrecía atraeron a atención de compañías de xoguetes, artistas plásticos e mesmo imaxinativos publicistas como os da empresa alemá Stollwerk. En 1905, inventaron un reprodutor de chocolate que se vendía con seis discos tamén de chocolate. Non lle faltaba detalle ningún, e incluía até unha pequena bucina para amplificar o son. O conxunto de reprodutor e discos custaba 5,80 francos da época.


10. O son portátil

Unha vez que a Victor Talking Company paténtase en 1905 o modelo Victrola -gramófonos que eliminaban a aparatosa bucina exterior para incluíla dentro do moble ou carcasa- comezaba unha carreira por construír modelos o máis pequenos posíbel.
Coñecéronse co nome de “Victrolas ortofónicas” ultra-portátiles (ou de peto) e deron lugar a un mercado de auténticas xoias nas que confluían a mellor artesanía e a última tecnoloxía da época.
O éxito deste tipo de reprodutor foi tal que levou a Edison abandonar definitivamente os fonógrafos e se incorporarse á produción de novos modelos de gramófonos portátiles.

11. Metade fonógrafo metade gramófono

Foi un reprodutor chamado Biophone inventado en 1906, que incluía un adaptador polo que o mecanismo fonográfico transmite o movemento a un gramófono situado na parte superior. Víronse moi poucos modelos desta xoia da reprodución e un deles aparece nunha secuencia do filme “My Fair Lady” (1964), interpretada por Audrey Herpburn. Houbo outros deseños espectaculares: os gramófonos de “paxaros falantes” -outra das modas da época- que consistían nunha gaiola de paxaros rigorosamente decorada e escondía no seu interior un gramófono; mesmo houbo unha
variedade de “gramófono lámpada” –Phonolamp 1918- que, con darlle a volta, podía ser unha cousa ou a outra.

12. Do you speak English?

Unha das aplicacións comerciais do fonógrafo que máis se promovería foi o estudo de idiomas. Edison tomouno en serio e en 1908 deseñou un modelo especial denominado Edison Standard Model “D” con cilindros de dous ou catro minutos, que incorporaba a tecla especial language repeat -o noso actual rewind-.  Academias de idiomas de todo o mundo fixeron súa a nova ferramenta e non dubidaron en aplicala entre os seus alumnos, publicando numerosos anuncios de prensa onde remarcaban a
accesibilidade desta tecnoloxía para os seus estudantes.

13. Unha industria variada

En outubro de 1906, William Randolph Hearst gravou en cilindros os seus discursos para a campaña de gobernador de Nova York, que se reproducían en espazos públicos ou se distribuían en librerías.
As primeiras tendas de discos e cilindros dividían os seus catálogos entre discursos, sermóns, música clásica e música popular. Esta última gozou dunha grande demanda e, dentro da mesma, as Bandas de Música militar interpretando cancións de baile populares eran as que máis copias vendían. O mercado ía
crecendo grazas ao éxito dos fonógrafos públicos, aínda que de forma paralela existía un forte movemento artístico de músicos, críticos e compositores contrarios ás gravacións. Iniciáronse
campañas dirixidas a advertir que a “música enlatada” nunca chegaría á calidade da música en directo e pedíase protección coa que salvagardar a arte musical da grave ameaza que supuña a manipulación da música nos estudos de gravación.
Axiña xurdiron as primeiras estrelas: John McCormack publicaría centos de discos coa Victor Co. dende 1910; o primeiro grande supervendas nace en 1917 e correspondeu ao grupo Original Dixieland Jass Band, formación de músicos brancos imitadores do son afroamericano; despois, en 1923,
chegaría o éxito de Bessie Smith, e o seu disco Down-Hearted Blues vendería 750.000 unidades, converténdoa na Emperatriz do Blues; a partir de 1930, Bing Crosby sería o cantante máis popular de todo Estados Unidos grazas á influencia directa das emisoras de radio que xa reproducían música dos principais estilos comerciais.