SINSALAUDIO / Actualidade

HISTORIA: nas orixes das gravacións

28 de Marzo de 2009

O rexistro sonoro, a nosa música enlatada, inventouse hai algo máis dun século, se ben o desexo do ser humano por conxelar os sons e escoitalos tantas veces como a física o permitise foi unha aspiración constante ao longo da historia da humanidade: dende os pobos máis antigos chegan até nós testemuños e documentos de lendas mitolóxicas que relatan fantásticas aventuras sobre máquinas reprodutoras do son.

 

Inauguramos a Escola Sinsal cunha fermosa historia incluída no conto anónimo “Le Courrier Veritable”, publicado o 23 de abril do ano 1623 e hoxe conservado na Bilbliotèque Nationale de Francia. O autor narra as aventuras do Capitán Vosterloch polos arquipélagos do hemisferio meridional, onde descubriu unha tribo primitiva totalmente illada do mundo. Descoñecían calquera adianto tecnolóxico, carecían das ferramentas máis elementais e non sabían escribir nin pintar; porén, a natureza proporcionaralles un tesouro en forma de esponxa capaz de gravar as palabras. Cada vez que desexaban comunicarse con outros pobos, só tiñan que falarlle a unha esponxa que despois enviaban por un mensaxeiro. Ao receptor bastáballe con premela lixeiramente para que as palabras volvesen soar na mesma orde.

1. Que é o rexistro sonoro?

Sen entrarmos en termos demasiado técnicos, podemos dicir que é a capacidade de gravar -enlatar- o son nun soporte e despois reproducilo de forma voluntaria. É dicir, a gravación é ao son o que a imprenta é á escritura e o vídeo á imaxe. Até finais do século XIX, esta posibilidade de rexistrar e reproducir o son por medios mecánicos non fora máis ca unha ilusión na imaxinación dos escritores, algunhas teorías científicas e lendas mitolóxicas.

2. O primeiro rexistro do son

O primeiro rexistro do son data de 1857 e era unha representación gráfica, polo que non se considera unha gravación. Correspondeu ao francés Edward Léon Scott de Martinville escribir esas ondas acústicas de varios sons simultáneos mediante o deseño dunha máquina cun estilete -parecía un pincel porque o seu extremo era de pelo de xabaril- unido a unha membrana diafragma- que ao percibir a presión do aire lle transmitía as oscilacións. O estilete movíase sobre unha placa de cristal recuberta de fume negro que se volvía transparente polo rozamento. Chamouna phonautographe, “escritora de voz”, e o seu interese científico era construír unha gravadora de son, non un reprodutor.

ULTIMA HORA: En marzo do 2008, un grupo de científicos atopou en Francia un arquivo sonoro de 10 segundos de duración cunha canción folk titulada “Claro da lúa”. Foi realizada en 1860 por Léon Scott de Martinville no seu Fonoautógrafo e sería a gravación máis antiga da historia.

3. Quen inventou o primeiro aparato reprodutor de son?

Contan que o inventor da gravación e da súa posterior reprodución foi o estadounidense Thomas Edison, tamén coñecido por outras innovacións como a lámpada ou polas súas contribucións
ao cine. O certo é que o mundo da “música enlatada” botou andar o 6 de decembro de 1877, data na que o técnico colaborador de Edison, John Kruesi, fabricou un aparato segundo uns deseños do científico, e rexistraron sobre a superficie dunha tira de papel de estaño a canción “Mary had a little lamb” (María tiña un cordeiriño). Porén, sería inxusto esquecermos a Charles Cros, e a súa investigación simultánea en Francia coa que, algún tempo antes, deseñou opaleófono -se ben non atopou o financiamento necesario e fabricalo-. As malas linguas falan dun posíbel “pirateo” da idea por parte de Edison; aínda que a hipótese máis probábel é que este se inspirase en varios adiantos: o fonoautógrafo de Léon Scott, o teléfono inventado por Graham Bell -e despois perfeccionado polo propio Edison- e sobre todo o telégrafo, do que sacaría as pistas definitivas ao comprobar como certas vibracións sobre o papel manifestaban algunhas ondas sonoras.
Así, mentres Cros quedaba ás portas da gloria, Edison mandaba construír artesanalmente en 1878 algo máis de 600 máquinas tamén coñecidas co nome de Tin Foil porque usaban unha folla de estaño- cuxas virtudes acústicas anunciaría con audicións públicas. A fabricación en serie deste novo invento, o fonógrafo, non chegaría até unha década máis tarde, despois de sortear grandes obstáculos.

4. E que é o fonógrafo?

O fonógrafo é a primeira máquina deseñada para gravar e reproducir sons. Interveñen uns cilindros colocados sobre un mandril (eixo) e sobre cuxa superficie exterior -de estaño ou cera- se “entalla” un suco cunha agulla ou estilete. Unha vez finalizado este proceso denominado gravación, esa “punta-cortador” substitúese por unha agulla lectora que debe percorrer o suco transmitindo as súas vibracións a unha bucina ou campá encargada de amplificar o volume: esta é a parte chamada reprodución. A finais da década de 1880, e durante a de 1890, os fonógrafos vendíanse con accesorios de gravación e o público podía rexistrar os seus propios cilindros, posibilidade dunha enorme trascendencia na historia da música enlatada.

5. A noticia aparece na prensa

Así describiu este acontecemento o editorial do Scientific American na súa edición do 22 de decembro de 1877: “Mr Thomas A. Edison pasou recentemente por esta casa, colocou unha pequena
máquina sobre a mesa, fixo xirar a súa manivela e a máquina interesouse pola nosa saúde e preguntounos se nos gustaba o Fonógrafo. Informounos de que el (o propio fonógrafo) estaba moi ben, e desexounos un cordial “boas noites”. Todo isto non só puidemos oílo nós, senón tamén outra ducia de persoas que se amontoaban ao seu redor”.


6. Onde está o ventrílocuo?

Uns meses despois de facer a súa estrea en Estados Unidos, o 11 de marzo de 1878, un representante de Edison presentou a súa “máquina falante” na Academia de Ciencias de París. Un grupo de científicos asistiu á sesión e cando escoitaron os sons dende o fonógrafo de Edison, pensaron que eran vítimas dun-
ha broma e que había un ventrílocuo agochado nalgún lugar do cuarto. Despois de acaloradas protestas, decidiron retirar todos os mobles da sala e, un a un, pasaron outra vez pola audición comprobando que non había máis maxia cá dun fonógrafo reproducindo a nana “Frère Jacques”.

7. O decálogo de Edison

Trala súa invención, Thomas Edison suxeriu no verao de 1878 unha serie de aplicacións:

1- Ditados sen axuda de secretaria.
2- Libros fonográficos que falarían aos cegos.
3- Ensinanza na pronunciación de idiomas.
4- Reprodución de música.
5- Álbum familiar de fonogramas con rexistro de voces.
6- Caixa de música.
7- Axenda de avisos.
8- Arquivador de linguas e as súas peculiaridades fonéticas.
9- Tarefas educativas como gravar leccións maxistrais de profesores.
10 – Contestador telefónico automático.

8. O reloxo que fala

O cilindro máis antigo catalogado é unha gravación coa voz do francés Frank Lambert, inventor da máquina de escribir e dun modelo de máquina de escribir-gramófono. Emigrado aos Estados Unidos, Lambert traballaba sobre as posibilidades do rexistro sonoro, na mesma época que Edison, coa intención -segundo se cre por unhas patentes atopadas- de incluír en reloxos sons que cantasen as horas. A gravación data entre 1878 e 1880, e consiste na lectura de números soltos para os seus “reloxos falantes”.
O cilindro fonográfico foi durante un tempo un soporte perfecto para os reloxos automáticos. Deseñáronse sofisticados modelos como o alemán The Hiller Talking Clock, que incluía un grande cilindro de 31,8 centímetros de diámetro e 48 gravacións con: as horas, os cuartos e as medias horas.

9. A volta ao mundo nun fonógrafo

Nada máis comercializarse os primeiros fonógrafos, algúns científicos xa se decataron das súas posibilidades. En distintas partes do mundo xurdiron os primeiros cazadores de sons: historiadores
dispostos a viaxar provistos dun fonógrafo e facer “gravacións de campo”.

O primeiro de todos eles foi o naturalista estadounidense Jesse Walter Fewkes, quen realizou unha viaxe a Costa Rica durante 1890 e estudou algúns pobos aborixes. Á súa volta, trouxo varios cilindros con gravacións e publicou en tres xornais a súa apaixonante experiencia de cazador de sons:
“podes falarlle (ao fonógrafo) tan axiña ou tan a modo como queiras; en ambos casos reproduce exactamente o que lle dis. Por iso ábrese a necesidade de traballar cun fonógrafo para preservar
os idiomas aborixes do continente”.

Outros documentalistas do son seguiríanlle pouco despois e os seus traballos terían consecuencias importantes no mundo da música. En 1896, o etnomusicólogo húngaro Béla Vikár gravou máis de 1.000 cancións de música popular en distintos países centroeuropeos que influenciarían a un dos grandes compositores do século XX, o tamén húngaro Béla Bartók. E en Rusia, un ano máis tarde, a compositora Evgeniya Linyova faría o mesmo con cancións populares que despois inspirarían a Stravinsky.

Nos arquivos fonográficos, un dos cilindros máis antigos é de 1888, e contén a voz de Edison reproducindo unha carta ao seu amigo Mr Blaine. Nela, conta a posibilidade de“dar a volta ao mundo en sons” cun fonógrafo sen moverse da casa.