SINSALAUDIO / Actualidade

Festival Sinsal Outono 16. Vigo

15 de Outubro de 2018

SESIÓNS ANECOICAS

24 de outobro
María del Mar Blanco Moreno (en colaboración coa Orquesta Clásica de Vigo)
Escola de Enxeñería de Telecomunicacións, Universidade de Vigo
15:30h e 16:30h
Capacidade limitada
Inscrición en info@sinsalaudio.org

14 de novembro
Will Samson
Escola de Enxeñería de Telecomunicacións, Universidade de Vigo
15:30h e 16:30h
Capacidade limitada
Inscrición en info@sinsalaudio.org

CONCERTOS

10 de novembro
Kolars
MARCO
20:30h
Entrada: 8 euros. Venda anticipa en ataquilla.com, Versus Librería, Honky Tonk Discos e Elepè Discos.
A billeteira abre media hora antes do comezo dos concertos.

15 de novembro
Will Samson
Biblioteca da EMAO
20:15h
Entrada: 5 euros. Capacidade limitada. Venda anticipa en ataquilla.com, Versus Librería, Honky Tonk Discos e Elepè Discos.
A billeteira abre media hora antes do comezo dos concertos.

María del Mar Blanco Moreno (En colaboración coa Orquestra Clásica de Vigo)

María del Mar Blanco Moreno é actualmente profesora de clave no Conservatorio Superior de Música de Vigo e compaxina a docencia coa actividade concertística, tanto ao piano como no clave, tocando en grupos de música de cámara e realizando estreas de música contemporánea. Nacida en Madrid en decembro de 1981, comeza os seus estudos musicais aos 11 anos de maneira autodidacta. Aos 16 ingresa no Conservatorio Adolfo Salazar onde estuda piano con Eva Alcázar e Música de Cámara con Aníbal Bañados, titulándose 3 anos despois como profesora de Piano, Solfexo, Teoría da Música, Transposición e Acompañamento.
Como complemento á súa formación, licénciase en Historia e Ciencias da Música na Universidade de Salamanca. Tamén é Titulada Superior en Clave polo Conservatorio Superior de Castela e León onde estudou con Pilar Montoya e baixo continuo con Saskia Roures e Carmen Leoni.

Will Samson

Cun avó nacido en Bengala Occidental (India) e unha unha avoa natural da Patagonia arxentina, era inevitable que Will Samson desenvolvera un incontrolable desexo de viaxar. Nacido en 1988, pasou os primeiros anos da súa vida na costa oeste australiana, para regresar á súa Inglaterra natal aos 10 anos, e embarcarse aos 19 nunha viaxe de catro meses por distintas partes de Asia e a cordilleira do Himalaya. Esta experiencia axudouno a dar forma á súa concepción da vida, e ademais serviu para que Will deixara medrar a súa barba, fose bendecido por un monxe budista, bebera copiosas cantidades de té nepalí, coñecera a un grupo de contrabandistas de xoias indias, fora testigo de excepción da caída da monarquía nepalí, camiñara sobre as nubes e vira saír o sol tras unha montaña sagrada.

Pero o que quizáis é máis importante aos efectos que nos ocupan é que, nas dúas semanas posteriores ao seu regreso a Inglaterra, Will tivo tempo de gravar trinta minutos de cancións e realizar a súa primeira actuación. Durante os tres anos seguintes gravou abondoso material de música ambient, experimental e instrumental baixo diversos alias, autoeditando dous EP’s e un disco, e xirando intensamente por Europa. Destas experiencias, e dun exilio autoimposto que levou ao noso home a unha época de illamento en Europa continental, é froito “Hello Friends, Goodbye Friends”. Traballo intimista e introspectivo, gravado ao longo de tres meses nunha pequena habitación, no que que Samson converte en deliciosas cancións emocións que abranguen ansiedade, dúbida de sí mesmo, medo, soedade… pero tamén alegría e celebración.

Kolars

Os estadounidenses Kolars darán a súa primeira xira española o próximo mes de novembro. Un tour cun directo ben fogoso, que pasará por seis cidades. Son as seguintes: o 7 de novembro, Valencia (16 Toneladas, con Fantastic Negrito), o 8, Barcelona (La [2] de Apolo, abrindo para Fantastic Negrito na Festa 20º Aniversario de Houston Party), o 9, San Sebastián (Double Check Festival), o 10, Vigo (Sinsal Outono), o 11, Zaragoza (La Lata de Bombillas) e o 12, Madrid (Siroco). Kolars é un dúo de Los Ángeles formado polo matrimonio que compoñen Rob Kolar (voz e guitarra eléctrica) e Lauren Brown (batería). A comparación, o recordo e a vibración a The White Stripes pode que estea entre o primeiro que se vén á cabeza ao escoitalos, aínda que, se ben o son parido por esta parella vai por esa senda, tamén poden ser relacionados con The Black Keys do principio, pero nun ton máis despreocupado. Algunhas das etiquetas que lles puxeron: desert disco, glam-a-bill, rockabilly-dance, dancebilly, space blues. Antes de Kolars, Rob e Lauren formaron a banda de glam-folk He´s My Brother, She´s My Sister.