Portada del sitio > Actividades SINSALaudio > Eventos > Extensión Salón Teatro

Extensión Salón Teatro

O Salón Teatro de Santiago abre na segunda quincena de maio-2007 un novo ciclo de programación que se inicia coa inauguración da extensión en Compostela do Festival Sinsal, un encontro de referencia para a música contemporánea en Galiza, que até agora se celebraba unicamente na cidade de Vigo. O escenario que xestiona o Centro Dramático Galego, continúa así co seu labor de difusión das expresións escénicas máis actuais.

Coa actuación o xoves 17 de maio do colectivo procedente de Hungría e Novo México A Hawk and a Hacksaw & The Hun Hangár Emsemble principiará a extensión no Salón Teatro do Sinsal, un certame que se desenvolve ao longo de todo o ano cunha estrutura estacional, xa que desde que mudou o seu formato na súa terceira edición pasou a denominarse "Música para Catro Estacións" e ofrece catro concertos, un por cada estación. Así, a Estación Primavera, ofrecerá en Santiago outros dous concertos de grupos tan interesantes como influintes dentro do panorama das músicas contemporáneas a nivel internacional: a noruega Hanne Hukkelberg (7 de xuño) e os británicos Tunng (21 de xuño).