Culturgal 2007

A Escola Sinsal xa ten un ano de vida. Todavía é moi nova, pero en apenas 365 días ten medrado considerablemente e case podemos dicir que está a piques de andar por sí mesma. No pasado mes de maio do 2007 a Escola Sinsal saía por vez primeira de Vigo e ía como convidada nada máis e nada menos que a Culturgal, o encontro máis importante adicado á cultura galega que tivo como anfitriona a cidade de Pontevedra. Foi convidada pola Consellería de Cultura a este importante evento e estivo aberta a tódolos públicos dende o xoves 10 de maio ata o domingo 13 de maio.

Primeiro destacar a calidade do Culturgal e a boa organización do evento. A montaxe e o nivel dos stands foi máis que notable e, agas ausencias destacables como a dos museos galegos que non sabemos porque non estiveron presentes, estaban boa parte dos mellores representantes da cultura galega. É de agradecer que uns encontros ata agora demasiado centrados no mundo editorial e literario abriran o seu campo a outro xéneros culturais como as artes plásticas, a música, teatro, audiovisual, etc. E o mellor de todo foi a estupenda programación paralela chea de actos, concertos, conferencias, exposicións, etc. que deron a esta edición do Culturgal 2007 un novo punto de partida.

Polo que atinxe a Escola Sinsal dicir que para estar nun espazo tan impredecible no que non é posible marcar un esquema fixo, e eso dificulta moito o desenrolo do talleres, foi todo un éxito e foron moitas as persoas, mestres, programadores culturais, etc., que preguntaron si viaxábamos por toda Galicia. Nos días en que a organización do Culturgal tivo a boa idea de chamar a distintos colexios do país para facer unha visita á feira cultural, a Escola Sinsal pasou horas de auténtica histeria coa presenza de máis de 150 rapaces que atendimos, de forma organizada, en grupos de 15-20 alumnos en cada un dos talleres.

Para esta edición e nova aventura da Escola Sinsal presentamos tres obradoiros que demostran ata que punto ese bebé ten medrado e cada vez presenta mellor aspecto. Agora a nosa aventura divídese en tres apartados: o tecnolóxico, o rural e o experimental. Ou o que o mesmo, unha sección adicada a descubrir todas as "filigranas" do mundo do picadiscos, un novo obradoiro adicado a descubrir os sons do planeta con instrumentos populares e unha terceira mesa no que facemos as delicias de grandes e pequenos, aprendéndolle a historia do rexistro sonoro con exemplos divertidos e moito material gramofónico de coleccionismo.