LARSEN e LITTLE ANNIE: as de corazóns

Larsen xunta a Little Annie, hoxe no Salón Teatro ás 22 horas, anteceden as dúas actuacións de C93:. na extensión do SINSAL 7 en Santiago de Compostela. Despois de trece anos de actividade ás costas, o grupo italiano mantén intacta a súa capacidade expresiva e volve cun novo álbum en estudio, La fever lit (Important Rec. 2008), o primeiro dende 2006. Ademais, aproveitaron desta vez o engado dunha voz amiga, a de Little Annie aka Annie Anxiety, diva do dub e do cabaret post-punk e colaboradora de Coil ou do combo On-u sound. Que mellor excusa ca este afortunado pacto para demostraren agora en directo as excelencias sonoras do seu traballo en común? A estratexia sonora de Larsen consiste en irse abrindo ao pouco, silandeiramente, e ao tempo tentar prender os ouvidos do público no seu pop cinemático; o convite consiste en aboiarmos en ritmos e melodías luminosas, nunha delicada lixeireza musical. En contrapartida, a nocturnidade e alevosía van por conta de Annie Anxiety e da súa excéntrica e engaiolante narrativa. As entradas pódense adquirir por anticipado, ao prezo de 10 euros, en www.caixagalicia.es e no teléfono 902 434 443, ou na billeteira do Salón Teatro dende dúas horas antes do concerto.