IMPROVISACIÓN AO ÓRGANO E CONTRABAIXO

A Vicerreitoría de cultura da USC presenta o segundo dos concertos dos catro que compoñen este singular ciclo que se desenvolverá ata xuño.

O Órgano da Compañía, doutra maneira consolídase como un ciclo que investiga sobre as posibilidades dun instrumento con importantes recursos acústicos e expresivos. A programación do ciclo que comezou o 31 de marzo continúa cun concerto que se celebrará o 12 de maio ás 20:30h na igrexa da Compañía por Antonio Augusto de Aguiar e Jonathan Ayest e titulado A MODAL PILGRIMAGE (Unha Peregrinación modal).

Neste programa, interpretaranse ao órgano, obras do compositor portugués Pedro de Araújo ao tempo que se intercalarán xogos de improvisación ao órgano e ao contrabaixo. Deste xeito, o programa servirá de contexto e pretexto para recuperar a improvisación como elemento principal da creación musical. Un instrumento antigo, o órgano, outro contemporáneo, o contrabaixo, música do século XVII e improvisacións feitas á luz do século XXI no que vivimos, fusionaranse nesta particular peregrinación a través das antigas escalas modais e da obra do senlleiro organista lusitano.