CAPÍTULO 2.2: os sucos acústicos

O disco “tocado” ao revés

Os primeiros tempos da música enlatada foron
de grande actividade e cada pouco tempo aparecían entre as potencias económicas da época
novos inventos fonográficos. En Francia, crecía
a marca Pathé, co tempo unha das compañías
máis poderosas de Europa, que importaba reprodutores americanos e tamén fabricaba deseños propios. Por exemplo,
o disco gramofónico de gravación vertical -o rexistro sonoro na
profundidade do suco- ou o proceso de lectura
contrario ao normal. O patrón
de lectura estándar dos discos era do exterior
cara ao interior, pero Pathé lanzou unha
serie que se reproducían no sentido contrario,
de dentro cara fóra. A firma francesa foi moi
coñecida polo seu logotipo do galo e polas
súas constantes innovacións como as bucinas
de cristal, os discos de diferentes diámetros ou o
nome característico dos seus reprodutores
Pathéphones.

Cara e cruz da música enlatada

As orixes da música enlatada suscitaron paixóns
e odios. Para moitas persoas era a única
posibilidade que tiñan de escoitar música. Porén,
un bo número de compositores e intérpretes
negábanse a gravar pola calidade do son
e as limitacións do tempo a uns poucos
minutos. Grandes obras da música académica
debían sufrir serios “recortes” que se producían
sobre todo nos longos desenvolvementos. Este
foi o primeiro exemplo de “manipulación” sonora
no estudo, se ben non sería o único. Tamén foi
necesario compoñer novas cancións adaptadas
aos poucos minutos de duración dun cilindro ou
disco, e mesmo chegaron a suprimirse determinados timbres sonoros porque non quedaban
rexistrados pola súa baixa intensidade. Todos estes detalles condicionaron o noso gusto musical
durante todo o século XX.

A música á carta

Coñecido durante o século XX por Jukebox ou Rock-ola, nas súas orixes eran fonógrafos preparados para introducir unha moeda e escoitar unha canción.
A primeira máquina instalada en 1890 recadou 1.000 dólares da época en só seis meses, a 5 centavos por audición. Até a súa substitución polos gramófonos, Edison e Columbia desenvolverían diversos modelos con enxeñosos sistemas de reprodución. O fonógrafo Manhattan incluía o aviso de que antes de pagar o usuario debía xirar a manivela oito veces e impulsar o motor de corda. Outra Jukebox sorprendente foi o modelo Regina Hexaphone, con a posibilidade de escoller a canción entre nada menos que seis cilindros.

Facendo ximnasia no estudio

Estes primeiros anos de música enlatada a principios do século XX estiveron cheos de dificultades: as cancións apenas duraban de dous a catro minutos, non se inventara o altofalante e aínda non se podía adaptar o motor eléctrico ás carcasas. Mais se escoitar música era complicado, imaxinemos por un instante o que supuña gravala. Os estudos de gravación eran auténticos ximnasios onde músicos e cantantes debían situarse a diversas distancias e alturas dunha enorme bucina encargada de recoller o son e transmitilo á agulla que tallaba o suco.
Como cada instrumento ten o seu propio timbre, os músicos e cantantes debían achegarse ou afastarse da bucina en función da súa intensidade, xa que doutra forma uns tapaban a outros ou as frecuencias máis altas podían “atascar” a gravación. A imaxinación foi unha constante e aquelas salas nas que se apiñaban os músicos eran auténticas gaiolas de equilibristas: os cantantes situábanse enfronte á bucina e, dependendo do golpe de voz durante a canción, guiábanse por unhas marcas no chan para adiantarse ou retroceder respecto do gravador; os pianos levantábanse ao fondo da sala, sobre unhas tarimas especiais sen tapas laterais e así gañar máis intensidade; os instrumentos de corda eran os que máis sufrían pola invasión doutros timbres e chegáronse a modificar buscando máis notoriedade na gravación. Un dos máis populares foi o Violín de Stroh, que estaba provisto dun corno especial de metal pegado ás cordas
e amplificaba o son.


E o gañador é...

Durante varias décadas, Thomas Edison investira todos os cartos
posíbeis no seu neno mimado: o fonógrafo. Despois de moitos intentos, conseguira fabricar un cilindro irrompíbel sen
límite de reproducións -afírmase que foi o soporte analóxico máis perfecto-. Cómpre non esquecermos, ademais, que o
fonógrafo permitía a gravación doméstica, ou o que é o mesmo,
que cada comprador podía rexistrar os seus propios cilindros
de música ou calquera outro contido. É certo que tiña incomodidades debido ao seu volume e ás posibilidades de almacenamento; ou a duplicación requiría dun sistema máis complexo
e encarecía o produto final. Porén, ningunha destas eivas foi a
causa definitiva da súa desaparición. A súa derrota debeuse
a que se trataba dunha máquina sofisticada e delicada, requiría
un tacto especial cada vez que se usaba e tiña como gran desvantaxe fronte ao gramófono a súa menor capacidade de información. Non permitía superar os 4 minutos, cando o disco plano xa chegaba aos cinco minutos en cada cara.


As orixes da música independente

A música clásica e o jazz propiciaron a aparición
de gran cantidade de pequenas compañías
discográficas especializadas nun catálogo de
discos dirixido a públicos selectos. As grandes
compañías quixeron impedir que estes “selos
discográficos” rexistraran as gravacións empregando a técnica do “corte-lateral” e mantiveron unha dura disputa nos tribunais. Finalmente, as
chamadas compañías independentes conseguiron gañar e puideron fabricar libremente discos gramofónicos co tipo de rexistro lateral: sería o
nacemento da música independente.

Sucos con moita arte

Os discos de chocolate de Stollwerk foron o
punto de partida para unha nova disciplina
artística coñecida por Gramofonía, que ten
nos “sucos” a súa principal ferramenta de
inspiración. Dende o principio, grandes artistas
plásticos sentiron atracción polas posibilidades
destes obxectos e experimentaron coas súas
posibilidades audiovisuais. Durante a época das
primeiras vangardas, dous dos seus principais
representantes traballaron cos discos dende
puntos de vista diferentes. Marcel Duchamp
utilizounos para construír efectos visuais que
denominou Rotorellieves. Pola súa banda, o artista húngaro
Lázló Moholy-Nagy falou da posibilidade de que calquera persoa
se converta en artista rexistrando os seus propios sucos sobre
un disco de plástico sen información. Estes exemplos de
“apropiacionismo”, xunto con experiencias sonoras paralelas
como as dos futuristas abrirían as portas a unha nova arte:
a arte sonora.

A arte dos ruídos

O fonógrafo, o grafófono e o gramófono son máquinas reprodutoras de sons que usan cilindros e discos respectivamente.
A principios do século XX, unha xeración de artistas de Italia
coñecida polo nome de Futuristas reivindicou o uso de todas
as máquinas xeradoras de sons e incorporou os seus ruídos ao
mundo da arte en xeral e da música en particular. Luigi Russolo
escribiu o manifesto “L’arte dei rumori”, e inventou uns aparatos chamados Intonarumori ou “entoarruídos”, cos que quixo
demostrar que a sociedade contemporánea e as súas máquinas industriais recreaban todo un universo de novos timbres
que podían incorporarse ao mundo musical.

A enxeñería suíza

Achegábase a era eléctrica e con ela un novo paso na historia
da música enlatada portátil. A imaxinación nos reprodutores
acústicos non cesara e co nacemento da Victrola iniciárase a
carreira pola procura do gramófono máis pequeno. A industria
suíza, afeita á tecnoloxía en miniatura dos seus reloxos de corda, colleu a dianteira e foi o epicentro das victrolas ortofónicas
ultraportátiles. O modelo máis popular aparecería a principios
de 1920 co nome de Mikiphone, obra mestra da miniaturización
en metal niquelado, cunha caixa de resonancia dividida en dúas
partes que simulaba un reloxo de peto cando estaba pechada.
Dende 1926, destacou tamén o reprodutor Thorens Excelda, presentado nun estoxo moi similar a unha cámara de fotos portátil.
Outros modelos, tamén suízos, serían o Gipsy, presentado en
1925, e a Sonata, de 1930.

Os efectos especiais de 1920

A Victrola portátil non foi o último invento dun
sector en expansión preocupado por ampliar
o mundo da fonografía. Dende as súas orixes,
a sombra do son era máis longa e sobre ela
recaían todos os esforzos por facela o menos
escura posíbel. Ademais das evolucións nos
discos, as agullas e as bucinas, producíronse
tamén outras innovacións dirixidas a realzar o
brillo e a potencia acústica, denominadas
“Victrolas de efectos especiais”. A compañía
Klingsor fabricou un gramófono que incluía
unhas cordas, dispostas coma nunha arpa na
saída da bucina. Estas vibraban con cada
reprodución amplificando o son por todo o
ambiente. Outro modelo posterior dos anos
20 denominado Ultrafon -inspirado no Fonógrafo Polyphone de 1898- incluía dous brazos
independentes coas súas respectivas agullas e
bucinas para reproducir un efecto de “eco”.


A falsificación

Os esforzos en innovación e patentes por parte das principais
marcas axiña foron obxecto de copia por outros fabricantes
menores que aforraban estes gastos en investigación e podían
ofrecer produtos similares a mellor prezo. A Compañía do
Gramophone
foi unha das primeiras en publicar anuncios en
toda a prensa da época advertindo sobre posíbeis falsificadores:
O éxito cada día maior de Gramophone fixo que certos comerciantes
lanzasen ao mercado máquinas falantes, procurando aproveitar os
sacrificios que fixemos para dar a coñecer a nosa marca e chamando
Gramophone a unhas máquinas de mala calidade, cheas de defectos.
Lembramos aos nosos clientes que a palabra Gramophone é propiedade exclusiva da nosa Compañía e que non se deixen enganar
por aparatos ou discos semellantes en aparencia pero de resultado
desastroso”.