CAPÍTULO 2.1: o século XX

O can máis famoso da historia

O can máis famoso do século XX non foi ao espazo nin tampouco
traballou no cine. Foi un Fox-Terrier nacido en Bristol en 1884,
que escoitaba un fonógrafo e se chamaba Nipper -nome que se
adoita dar aos cans que traban ás visitas-. É unha bonita historia
datada nas orixes da música enlatada: un can e un fonógrafo
con cilindros gravados polo seu amo, tras a morte do seu propie-
tario pasaron o seu irmán, o pintor inglés Francis Barraud. Cada
vez que o artista puña o fonógrafo cos cilindros herdados, o can
achegábase até a bucina do aparato e permanecía alí quieto,
escoitando a voz do seu amo -His Master Voice-). O momento
foi inmortalizado por Barraud nun primeiro cadro que, tal e
como ía evolucionando o fonógrafo, axiña quedaría anticuado.
Pasado algún tempo, un amigo do pintor suxeriulle actualizar a
bucina do fonógrafo e Francis Barraud dirixiuse a unha tenda
da Gramophone Company en Londres na que pedir prestada
unha daquelas bucinas novas e brillantes, para pintala outra
vez no seu cadro de Nipper. O xerente da tenda, Barry Owen,
prestoulle a bucina a cambio de que o pintor lle levase logo
o cadro. Este mostrou un grande interese pola obra, sempre e
cando Barraud substituíse o fonógrafo por un gramófono. Así
naceu o logotipo definitivo de Nipper escoitando “A voz do
seu amo” ou HMV.

A evolución dos cilindros

Despois da modificación do material dos cilindros introducida
co grafófono, iniciaríase unha carreira por perfeccionar o
soporte e a posibilidade de duplicar o seu tempo. Nun princi-
pio, cada cilindro era único e para obter copias dunha mesma
canción, ben se usaban máis fonógrafos cos que gravar varias
tomas dunha vez, ben o artista debía repetir a mesma in-
terpretación en diversas ocasións. Por exemplo: se querían
producir 500 cilindros dunha canción, era necesario executar
25 veces a mesma obra e gravala de xeito simultáneo en 20
fonógrafos.
En 1902, Edison patenta o cilindro Gold Mold, elaborado a partir
dun molde que permitía a produción en serie de cilindros
- técnica desenvolvida anteriormente por Thomas Lambert e
por cuxa patente mantiveron un duro enfrontamento ante os
tribunais-.
En 1912, en plena batalla co disco plano, Edison presenta o
cilindro Amberol que permite un tempo de rexistro de até 4
minutos. Finalmente, nun último intento desesperado por non
perder a súa guerra comercial contra o gramófono, desenvolve
o Cilindro de Celuloide indestrutíbel -considerado o soporte
máis perdurábel e resistente do son analóxico- de grande cali-
dade acústica. Pouco tempo despois, Edison arroxaría a toalla
ante a superioridade do disco, abandonando a investigación do
cilindro e centrándose na fabricación de discos: a súa primeira
produción é de 1913, o disco de diamante.


A resina dos insectos

Os primeiros discos comercializados por Berliner eran de ebonita (caucho endurecido), até que descubriu nunha
fábrica de uniformes militares uns botón cun material denominado Shellac ou goma laca -unha resina procedente dun insecto orixinario da India-. Prensaron algúns discos cos que estudar as súas características acústicas e o resultado foi óptimo: a resina ofrecía un mellor desprazamento da agulla e melloraba o son en superficie.
En 1897, comezaron a comercializarse as primeiras copias de discos co novo material e, unha década máis tarde,
seguindo unhas indicacións de Marconi -o inventor da radio- a súa composición evolucionaría coa substitución
de discos sólidos de Shellac por outros co centro de cartón e bañados en goma laca. Desta forma o disco era máis
delgado e flexíbel, aínda que os seus problemas non rematarían até a chegada do vinilo 30 anos máis tarde.

O último Castrati

A tradición dos Castrati pérdese nalgún lugar do Impero Bizantino alá polo século XII, cando os eunucos cantaban.
Despois chegarían os auténticos Castrati, varóns que imitaban as peculiaridades específicas da voz feminina
porque as mulleres non podían participar nos coros relixiosos. A súa interpretación ocupou boa parte da historia da
música até que se prohibiu a castración masculina con fins artísticos no século XIX.
A música enlatada está unida ao último dos Castrati, chamado Alessandro Moresschi, de quen se conservan dúas
gravacións de principios do século XX. Os dous rexistros teñen o valor de ser os únicos documentos coa incríbel voz
dos “eternos nenos cantores”.

Na busca do mellor son

Os fabricantes de discos e gramófonos pelexaban por convencer
ao público de que os seus produtos conservaban as mellores
condicións de son. En 1902, a compañía Victor contratou ao
tenor italiano Enrico Caruso e gravou varios discos, porque
mentres algúns tons non quedaban ben rexistrados nos soportes
da época, os vibratos do grande artista italiano brillaban espe-
cialmente sobre os sucos. Con estas interpretacións estrearon a
serie de 10 polgadas -rompía coa hexemonía do formato de
7 polgadas- serigrafadas co logotipo de Nipper na súa superficie.
Ademais de servir de publicidade, as gravacións de Caruso axuda-
ron a convencer as estrelas musicais da época que aínda eran
reticentes a deixarse rexistrar en disco.

De onde saíu a “música enlatada”

O termo “música enlatada” xorde dun dos directores de banda
de música máis populares da historia: John Philip Sousa, quen
encabezou en Estados Unidos as protestas contra a posibilidade
de gravar música en cilindros e discos, soportes os que
despectivamente denominaba “latas” polo son que emitían.
A súa actitude tan tradicional respecto das gravacións e das
novas formas de difusión levárono a opoñerse tamén, durante
un tempo, á retransmisión dos seus concertos na radio. En 1906
afirmou: “cando era neno, en fronte da casa durante as noites de
verán había mozos cantando cancións novas e vellas. Hoxe tes que
oír esas máquinas infernais -os fonógrafos- que soan a todas horas”.


O disco polas dúas caras

A principios do século XX producíronse dous avances importan-
tes na técnica discográfica: a gravación polas dúas caras do disco
e a comercialización do formato de 10”. As dúas melloras intro-
ducidas abrían a posibilidade de pasar dos 2-3 minutos iniciais
cos discos de 7 polgadas até case 10 minutos de duración (cinco
por cada cara). Aínda e todo, este tempo era claramente insufi-
ciente e na primeira gravación dunha ópera completa -Ernani de
Verdi en 1903 para His Master Voice-
necesitáronse 40 discos por
unha cara.
En 1909, outra compañía, a alemá Odeon, pioneira no rexistro polas
dúas caras, publicou o primeiro “álbum ou long play” coa suite do
Crebanoces de Tchaikovsky, que ocupaba catro discos completos e
se vendía nunha caixa deseñada especialmente. A partir da
segunda década do século XX as gravacións polas dúas caras xa
eran o estándar da industria discográfica.

Postais sonoras

Ademais do disco e o cilindro, de todas as aplicacións que o
rexistro do son tivo na industria da época, a máis sorpren-
dente foi a postal sonora. Xorde en Alemaña cara ao ano
1903 e dende alí expórtase a outros países do mundo nos
que, segundo o seu idioma, iría adquirindo outras denomina-
cións: Phono-Postal, Musik-Postkate, Carte-Disque, Postkarte,
Talking Postcard, Disco-Postal
, etc. Nas súas orixes, consistía
nunha postal tradicional á que se incorporaba un disco fino.
O sistema foi perfeccionándose cos anos, e os sucos che-
garon a tallarse directamente sobre unha base de plástico
transparente adherida ao cartón da postal. Por último, facía-
se un buraco no centro do suco polo que introducir a postal
nun tocadiscos.
Este orixinal sistema de incluír son nas postais xeraría outro
mundo paralelo de aplicacións e deseños a partir dos anos
50. Entre os seus sucos había todo tipo de contidos: cancións
populares, biografías, mensaxes políticas, felicitacións de
aniversario, panxoliñas, publicidade, receitas de cociña, etc.


O disco que se come

As máquinas de “música á carta” ou jukeboxes non serían as
únicas innovacións dentro da industria do ocio. As grandes posi-
bilidades que a gravación mecánica ofrecía atraeron a atención
de compañías de xoguetes, artistas plásticos e mesmo imaxina-
tivos publicistas como os da empresa alemá Stollwerk. En 1905,
inventaron un reprodutor de chocolate que se vendía con
seis discos tamén de chocolate. Non lle faltaba detalle ningún, e
incluía até unha pequena bucina para amplificar o son.
O conxunto de reprodutor e discos custaba 5,80 francos da época.

O son portátil

Unha vez que a Victor Talking Company paténtase en 1905 o
modelo Victrola -gramófonos que eliminaban a aparatosa bucina
exterior para incluíla dentro do moble ou carcasa- comezaba
unha carreira por construír modelos o máis pequenos posíbel.
Coñecéronse co nome de “Victrolas ortofónicas” ultra-portátiles
(ou de peto) e deron lugar a un mercado de auténticas xoias nas
que confluían a mellor artesanía e a última tecnoloxía da época.
O éxito deste tipo de reprodutor foi tal que levou a Edison abandonar
definitivamente os fonógrafos e se incorporarse á
produción de novos modelos de gramófonos portátiles.

Metade fonógrafo metade gramófono

Foi un reprodutor chamado Biophone inventado en 1906, que
incluía un adaptador polo que o mecanismo fonográfico
transmite o movemento a un gramófono situado na parte su-
perior. Víronse moi poucos modelos desta xoia da reprodución
e un deles aparece nunha secuencia do filme “My Fair Lady”
(1964), interpretada por Audrey Herpburn.
Houbo outros deseños espectaculares: os gramófonos
de “paxaros falantes” -outra das modas da época- que consis-
tían nunha gaiola de paxaros rigorosamente decorada e
escondía no seu interior un gramófono; mesmo houbo unha
variedade de “gramófono lámpada” -Phonolamp 1918- que, con
darlle a volta, podía ser unha cousa ou a outra.

Do you speak English?

Unha das aplicacións comerciais do fonógrafo que máis se pro-
movería foi o estudo de idiomas. Edison tomouno en serio e en
1908 deseñou un modelo especial denominado Edison Standard
Model “D”
con cilindros de dous ou catro minutos, que incor-
poraba a tecla especial language repeat -o noso actual rewind-.
Academias de idiomas de todo o mundo fixeron súa a nova
ferramenta e non dubidaron en aplicala entre os seus alumnos,
publicando numerosos anuncios de prensa onde remarcaban a
accesibilidade desta tecnoloxía para os seus estudantes.

Unha industria variada

En outubro de 1906, William Randolph Hearst gravou en cilin-
dros os seus discursos para a campaña de gobernador de Nova
York, que se reproducían en espazos públicos ou se distribuían
en librerías.
As primeiras tendas de discos e cilindros dividían os seus
catálogos entre discursos, sermóns, música clásica e música
popular. Esta última gozou dunha grande demanda e, dentro da
mesma, as Bandas de Música militar interpretando cancións de
baile populares eran as que máis copias vendían. O mercado ía
crecendo grazas ao éxito dos fonógrafos públicos, aínda que de
forma paralela existía un forte movemento artístico de músicos,
críticos e compositores contrarios ás gravacións. Iniciáronse
campañas dirixidas a advertir que a “música enlatada” nunca
chegaría á calidade da música en directo e pedíase protección
coa que salvagardar a arte musical da grave ameaza que supuña
a manipulación da música nos estudos de gravación.
Axiña xurdiron as primeiras estrelas: John McCormack
publicaría centos de discos coa Victor Co. dende 1910;
o primeiro grande supervendas nace en 1917 e correspondeu
ao grupo Original Dixieland Jass Band, formación de músicos
brancos imitadores do son afroamericano; despois, en 1923,
chegaría o éxito de Bessie Smith, e o seu disco Down-Hearted
Blues vendería 750.000 unidades, converténdoa na Emperatriz
do Blues; a partir de 1930, Bing Crosby sería o cantante máis
popular de todo Estados Unidos grazas á influencia directa das
emisoras de radio que xa reproducían música dos principais
estilos comerciais.