CAPÍTULO 1.3: do cilindro aos discos planos

Vinte e seis anos despois do descubrimento de Léon Scott, Emile
Berliner
-un traballador emigrante alemán nos laboratorios de
Graham Bell- interesouse polo fonoautógrafo e, sobre todo, polo
seu estilete unido ao diafragma, co que conseguía facer lateralmente a inscrición do son. Durante algún tempo, investigou nese
sistema en lugar do que usaban o fonógrafo ou o grafófono, ambos co
rexistro do son na profundidade do suco.

O noso amigo o suco

Tamén chamado fonograma, a gravación mecánica en cilindros
e discos planos consiste en escribir un suco sobre un material
brando. No cilindro, a información rexístrase nas variacións de
profundidade do suco mentres que no disco se rexistra na súa
parede lateral. Esta diferenza repercute nas vibracións do diafragma e é máis acusada no gramófono, o que determina un son
máis fiel ao orixinal.
No cilindro fonográfico, este suco é unha rosca helicoidal ao
longo da súa superficie, mentres que no disco gramofónico é
unha espiral.

Velocidade a ollo

Os primeiros gramófonos non dispuñan dun motor de corda,
polo que eran accionados manualmente. As súas instrucións
aconsellaban que o disco debía xirar aproximadamente 70 voltas
nun minuto (70 rpm). Accionalo con máis ou menos revolucións
das debidas provocaría distorsións no son xerado. O complexo
destes manuais de instruccións dos primeiros gramófonos era
saber cal sería o movemento adecuado da manivela ata acadar a
velocidade óptima.
A chamada “tracción manual” estivo presente nalgúns modelos
de xoguetes infantís e tamén en orixinais tarxetas publicitarias
que durante os anos sesenta incluían unha mensaxe sonora co
seu correspondente reprodutor.

O mensaxeiro automático

O decálogo de Edison ía cubrindo etapas e, nalgúns casos, a
realidade chegaba a superar a idea orixinal. A firma Telegraphon Company deseñou un fonógrafo cun cilindro xigante
que permitía gravacións de até 10 minutos. Esta máquina
especial fora pensada para que o público rexistrara as súas
mensaxes obtendo un número de referencia. O cliente entregaba este código á persoa interesada e esta só tiña que chamar por teléfono á compañía, indicar a súa clave, e xa podía
escoitar o documento sonoro correspondente. Este tipo de
mensaxes enlatadas funcionaron durante a época na que a
telefonía aínda era un servizo moi restrinxido ás empresas.

A dura transición

A transición do fonógrafo ao gramófono non foi doada porque
os intereses afíns á firma Edison pesaban demasiado. Por iso,
pode entenderse que os primeiros gramófonos comercializados
fosen adaptacións en xoguetes debidas aos fabricantes
alemáns Kammer & Reinhardt. En 1889, Berliner autorizou a
fabricación do primeiro gramófono de xoguete en miniatura, con
discos de celuloide de 13 centímetros de diámetro e movemento
manual, distribuido co nome de “gramófono”. A novidade
non tería grandes resultados económicos, se ben causaría
sensación e abriría as portas a posterior saída ao mercado
do reprodutor de adultos a finais do século XIX. Daquela empezou
a súa fabricación en Inglaterra, mentres a prensaxe de
discos realizábase en Alemaña.


BIBLIOGRAFíA:

• Timothy Day: un siglo de música grabada. Alianza Editorial. 2000

• Musica Mecánica: Los inicios de la fonografia. Junta de Andalucía.
2004.

• The Fabulous Phonograph 1877-1977. Sounds of the century.
Roland Gelatt. Collier Books.1977

INTERNET

http://www.collectionscanada.gc.ca/gramophone/m2-3008-e.html

http://history.sandiego.edu/GEN/recording/notes.html

http://www.recording-history.org/

http://www.nipperhead.com/

http://www.mrvictor.com/

http://www.edisonshop.com/index_old.html

http://www.edisonmuseum.org/

http://www.talkingmachine.org/phonautograph.html

http://www.nytimes.com/2008/03/27/arts/27soun.html?hp