CAPÍTULO 1.2: a competencia do fonógrafo

Nun primeiro momento, Edison sentiuse decepcionado pola
escasa demanda de patentes para fabricar fonógrafos. A xenial
idea que abraiaba a todo o mundo aínda tiña algúns detalles por
pulir antes de que os empresarios se decidisen pola súa produ-
ción en serie.
Outro famoso científico, o inventor do teléfono Alexander
Graham Bell
, presentou un aparato moi similar inspirándose no
funcionamento do oído humano e aplicando eses coñecementos
ao Fonoautógrafo de León Scott. A diferenza principal entre o
invento de Edison e o novo reprodutor, o Grafófono, residía en que
este último usaba cilindros recubertos de cera, e melloraba
notabelmente a gravación.
O 4 de maio de 1886, esta nova versión de máquina falante
estaba xa á venda, incentivando de novo en Edison
o interese polo fonógrafo e xustificando ante a prensa a súa volta
coa seguinte declaración: “Vostedes saben que terminei o meu
primeiro fonógrafo hai preto de 10 anos e, cando os meus negocios
relacionados coa electricidade tomaron grande relevancia comercial,
abandonei todas as investigacións para centrarme de cheo na
corrente. Así e todo, o fonógrafo, con maior ou menor constancia,
sempre permaneceu na miña cabeza. En canto descansei do meu
traballo coa luz, a vella idea volveu á miña mente”.

Os cilindros reciclados

As primeiras gravacións en cilindro adoitaban desgastarse despois de reproducilas varias ducias de veces. O comprador podía entón
devolver o cilindro gastado ao vendedor, recibindo un crédito parcial aplicábel á adquisición de novas gravacións, ou pulilo e continuar
realizando gravacións sobre el.

Fonógrafo versus Grafófono

Foron varias as evolucións que Graham Bell e os seus socios da American Graphophone Company de Columbia (Washington) aplicaron
sobre o fonógrafo de Edison, se ben ningunha delas modificou a súa estrutura básica e o Grafófono só se considera unha
mellora técnica. Entre eses cambios, ademais de substituír o cilindro de Edison por un de cera, modificouse o sistema de rotación do
Fonógrafo -controlado pola rosca dunha manivela- que co Grafófono pasou a ser constante pola aplicación dos mecanismos de corda
dos reloxos. Aínda que estes retoques melloraron algo a calidade do son, a cambio os cilindros sufrían un maior desgaste e podían
reproducirse menos veces.

O motor de corda

Nunha época na que o motor eléctrico aínda non se aplicaba
aos reprodutores de son, facíase necesario agudizar o enxeño.
Nun principio, Edison pensara nun tipo de pedal semellante ao
das máquinas de coser. Máis tarde, en 1887, experimentou con
motores de batería eléctrica sen chegar a comerciali-
zarse. Porén, co Grafófono recuperáronse os motores de corda
dos reloxos que xa se aplicaran con éxito nas caixas de música.
A enerxía mecánica xérase dando voltas a unha rosca que vai
enrolando a cinta de aceiro (ou corda) nun tambor, sendo a súa
posterior expansión a que produce a forza necesaria para final-
mente mover o cilindro.

As primeiras bonecas falantes

As posibilidades do suco -en inglés “groove”- foron moi variadas,
e na nosa “Historia da música enlatada” dedicaremos moitos ca-
pítulos a contar algunhas das súas aplicacións máis enxeñosas.
A primeira delas ten que ver co nacemento das chamadas
bonecas falantes, que reproducían cilindros en miniatura.
Edison xa profetizara a incorporación deses mecanismos aos
xoguetes en 1877, aínda que abandonara a idea durante anos.
Durante ese tempo, o inventor William White Jacques tería sido
o primeiro en fabricalas de non ser polas dificultades financei-
ras. Outro socio de Edison, Charles Batchelor, recuperou as
patentes e, uns meses antes da súa fabricación, presentou un
prototipo na Exposición Universal de París de 1889.
Finalmente, a primeira boneca parlante iniciou a súa fabrica-
ción e, dunha produción inicial de 10.000 bonecas, só se puxe-
ron á venda 2.500. A meirande parte delas foron devoltas por
graves fallos no mecanismo de reprodución dos cilindros e foi
un desastre económico que Edison pagaría durante anos.

A réplica francesa

Se a primeira boneca falante da historia foi un fracaso, non suce-
dería o mesmo coa seguinte. O modelo presentado na Exposición
Universal de París causou sensación en Europa e é posíbel que o
reloxeiro francés Henri Lioret -premiado durante dita exposición
- quedase igual de abraiado coa idea.
Henri Lioret foi fichado en 1893 pola prestixiosa compañía
Jumeau coa intención de realizar unha “boneca falante” que rega-
larían á filla do Tsar de Rusia. O novo xoguete chamouse Bébé Pho-
nograph
, viña con cilindros brancos -máis resistentes- a 100 rpm e
o mecanismo principal incluía un motor de reloxería, do cal, para
evitar problemas de reprodución, o fabricante advertía da súa constante
necesidade de lubricación. Saíu á venda no ano 1896
cun custo inicial de 58 francos e, durante os anos que permaneceu
no mercado, chegaron a ofrecerse até 12 cilindros distintos con
cancións de 30 segundos de duración.
Outro modelo moi popular, algúns anos máis tarde, sería o Arnol-
dia
, inventado en Alemaña pola Max Oscard Arnold Company e
se promocionaba con cilindros para ensinar idiomas aos rapaces.


A maravilla “Merveilleux”

Pouco despois de traballar na boneca falante, Henri Lioret inven-
tou un novo modelo de fonógrafo adaptando parte dos mecanis-
mos máis avanzados -o motor e os cilindros en miniatura-. Tamén incorporou outras innovacións como un botón
que retrocedía instantaneamente o lector ao comezo do cilindro:
o primeiro rewind. Xa en 1898, Lioret chegou a desenvolver, 14 anos antes que Edison, cilindros de catro minutos de duración.
Pero, o máis sorprendente, é que comercializaba o seu fonógrafo
“Merveilleux” moito máis barato ca os seus competidores e cun-
has condicións acústicas superiores.

O ditado e a oficina

Malia que agora nos pareza estraño, o fonógrafo e o grafófono
non se asociaron inicialmente á reprodución de música, senón
que se concibiron como máquinas de oficina.
Nun primeiro momento, pensaron en contestadores
automáticos de teléfono, pero como non podían rexistrar o feble
sinal eléctrico, a súa nova aplicación pasou a ser a de gravado-
ras de documentos orais ou taquígrafos automáticos.
Así, comezaron a cotizarse en oficinas, bufetes e mesmo nas
Cortes para gravar os discursos dos políticos -existe a lenda de
que hai un cilindro perdido coa voz de Abraham Lincoln (1809-
1865)-. O fonógrafo adquiría outros nomes cando se empregaba
con fins burocráticos: segundo o fabricante chamouse
Dictaphone -a mesma compañía do grafófono- ou Ediphone
- a do fonógrafo-. O seu servizo nos despachos até a Segunda
Guerra Mundial prolongou o mercado dos cilindros virxes nas
oficinas 30 anos máis que no da música industrial -datada
arredor de 1929 con fins comerciais-.
En Europa rexistráronse varios intentos de “máquinas de ditado”
e competiron coas importadas: a Parlograph en Alemaña
incluía un motor a 110 voltios e a francesa Roneophone foi a
primeira marca en substituír os cilindros por discos magneto-
fónicos.

Música enlatada por casualidade

Cara 1890, todos os fabricantes de fonógrafos e grafófonos
estaban a un paso do fracaso porque as vendas eran baixas.
Pouco antes, a compañía Pacific Phonograph Company tivera a
xenial idea de adaptar un fonógrafo que ao lle introducir unha
moeda reproducía unha canción. Estes aparatos situáronse en
espazos públicos, como noutros tempos sucedera coas caixas
de música, os pianos automáticos, etc. As cifras acadadas foron
sorprendentes e a só cinco centavos por audición, unha das
primeiras máquinas instaladas recadou 1.000 dólares en tan só
cinco meses. O éxito inspirou a Edison -sempre contrario ao uso
lúdico da súa máquina - quen desenvolveu un fonógrafo barato,
accesíbel en todos os fogares. Naceu así a industria discográfica
e con ela os quebradeiros de cabeza cos formatos e as velocida-
des. Entre 1880 e 1890, os cilindros do fonógrafo e do grafófono
eran incompatíbeis e cada fabricante (Edison, Tainter e Cros, etc.)
optaban por distintos diámetros e velocidades (74, 90, 160,180,
etc., revolucións por minuto).

Almacenar os cilindros

Os cilindros non eran obxectos discretos e cómodos precisamente;
arquivalos representaba unha experiencia ardua e pesada.
Ao principio, a información sobre o seu contido escribíase a man
sobre unha etiqueta exterior, unha a unha, até que se espallou a
súa popularidade e foi necesario imprimir de fábrica o número
de gravación da tapa superior. Posteriormente comezarían a
publicarse co título da canción e o artista. Pola súa banda, os
cilindros interiores naceron cunha voz gravada que se introducía
ao comezo do rexistro e dicía o título, o artista e a compañía.
Ao comezo do século XX, estes testemuños sonoros foron
desaparecendo e substituíndose por unha información abreviada
impresa nun extremo da súa superficie.