CAPÍTULO 1.1: nas orixes das gravacións

O rexistro sonoro, a nosa música enlatada, inventouse hai algo
máis dun século, se ben o desexo do ser humano por conxelar os
sons e escoitalos tantas veces como a física o permitise foi unha
aspiración constante ao longo da historia da humanidade: dende
os pobos máis antigos chegan até nós testemuños e documentos
de lendas mitolóxicas que relatan fantásticas aventuras sobre
máquinas reprodutoras do son.
Inauguramos a Escola Sinsal cunha fermosa historia incluída no
conto anónimo “Le Courrier Veritable”, publicado o 23 de abril do
ano 1623 e hoxe conservado na Bilbliotèque Nationale de Francia.
O autor narra as aventuras do Capitán Vosterloch polos arquipé-
lagos do hemisferio meridional, onde descubriu unha tribo primi-
tiva totalmente illada do mundo. Descoñecían calquera adianto
tecnolóxico, carecían das ferramentas máis elementais e non
sabían escribir nin pintar; porén, a natureza proporcionaralles un
tesouro en forma de esponxa capaz de gravar as palabras. Cada
vez que desexaban comunicarse con outros pobos, só tiñan que
falarlle a unha esponxa que despois enviaban por un mensaxeiro.
Ao receptor bastáballe con premela lixeiramente para que as
palabras volvesen soar na mesma orde.

Que é o rexistro sonoro?

Sen entrarmos en termos demasiado técnicos, podemos dicir
que é a capacidade de gravar -enlatar- o son nun soporte e
despois reproducilo de forma voluntaria. É dicir, a gravación é ao
son o que a imprenta é á escritura e o vídeo á imaxe. Até finais do
século XIX, esta posibilidade de rexistrar e reproducir o son por
medios mecánicos non fora máis ca unha ilusión na imaxinación
dos escritores, algunhas teorías científicas e lendas mitolóxicas.

O primeiro rexistro do son

O primeiro rexistro do son data de 1857 e era unha
representación gráfica, polo que non se considera unha gravación.
Correspondeu ao francés Edward Léon Scott de Martinville escri-
bir esas ondas acústicas de varios sons simultáneos mediante o
deseño dunha máquina cun estilete -parecía un pincel porque
o seu extremo era de pelo de xabaril- unido a unha membrana
- diafragma- que ao percibir a presión do aire lle transmitía as
oscilacións. O estilete movíase sobre unha placa de cristal recu-
berta de fume negro que se volvía transparente polo rozamento.
Chamouna phonautographe, “escritora de voz”, e o seu interese
científico era construír unha gravadora de son, non un reprodutor.

ULTIMA HORA: En marzo do 2008, un grupo de científicos atopou
en Francia un arquivo sonoro de 10 segundos de duración cunha
canción folk titulada “Claro da lúa”. Foi realizada en 1860 por Léon
Scott de Martinville no seu Fonoautógrafo e sería a gravación máis
antiga da historia.

Quen inventou o primeiro aparato reprodutor de son?

Contan que o inventor da gravación e da súa posterior reprodu-
ción foi o estadounidense Thomas Edison, tamén coñecido por
outras innovacións como a lámpada ou polas súas contribucións
ao cine. O certo é que o mundo da “música enlatada” botou andar
o 6 de decembro de 1877, data na que o técnico colaborador de
Edison, John Kruesi, fabricou un aparato segundo uns deseños
do científico, e rexistraron sobre a superficie dunha tira de
papel de estaño a canción “Mary had a little lamb” (María tiña un
cordeiriño)
. Porén, sería inxusto esquecermos a Charles Cros,
e a súa investigación simultánea en Francia coa que, algún tempo
antes, deseñou opaleófono -se ben non atopou o financiamen-
to necesario e fabricalo-. As malas linguas falan dun
posíbel “pirateo” da idea por parte de Edison; aínda que a hipó-
tese máis probábel é que este se inspirase en varios adiantos: o
fonoautógrafo de Léon Scott, o teléfono inventado por Graham
Bell
-e despois perfeccionado polo propio Edison- e sobre todo o
telégrafo, do que sacaría as pistas definitivas ao comprobar como
certas vibracións sobre o papel manifestaban algunhas ondas
sonoras.
Así, mentres Cros quedaba ás portas da gloria, Edison mandaba
construír artesanalmente en 1878 algo máis de 600 máquinas
- tamén coñecidas co nome de Tin Foil porque usaban unha folla
de estaño- cuxas virtudes acústicas anunciaría con audicións
públicas. A fabricación en serie deste novo invento, o fonógrafo,
non chegaría até unha década máis tarde, despois de sortear
grandes obstáculos.

E que é o fonógrafo?

O fonógrafo é a primeira máquina deseñada para gravar e
reproducir sons. Interveñen uns cilindros colocados sobre
un mandril (eixo) e sobre cuxa superficie exterior -de estaño ou
cera- se “entalla” un suco cunha agulla ou estilete.
Unha vez finalizado este proceso denominado gravación, esa
“punta-cortador” substitúese por unha agulla lectora que debe
percorrer o suco transmitindo as súas vibracións a unha bucina
ou campá encargada de amplificar o volume: esta é a parte chamada
reprodución. A finais da década de 1880,
e durante a de 1890, os fonógrafos vendíanse con accesorios
de gravación e o público podía rexistrar os seus propios cilindros, posibilidade dunha enorme trascendencia na historia da música enlatada.

A noticia aparece na prensa

Así describiu este acontecemento o editorial do Scientific Ameri-
can
na súa edición do 22 de decembro de 1877: “Mr Thomas
A. Edison pasou recentemente por esta casa, colocou unha pequena
máquina sobre a mesa, fixo xirar a súa manivela e a máquina
interesouse pola nosa saúde e preguntounos se nos gustaba o Fonógrafo.
Informounos de que el (o propio fonógrafo) estaba moi ben, e des-
exounos un cordial “boas noites”. Todo isto non só puidemos oílo
nós, senón tamén outra ducia de persoas que se amontoaban ao
seu redor”.

Onde está o ventrílocuo?

Uns meses despois de facer a súa estrea en Estados Unidos, o 11
de marzo de 1878, un representante de Edison presentou a súa
“máquina falante” na Academia de Ciencias de París. Un grupo de
científicos asistiu á sesión e cando escoitaron os sons dende o
fonógrafo de Edison, pensaron que eran vítimas dun-
ha broma e que había un ventrílocuo agochado nalgún lugar do
cuarto. Despois de acaloradas protestas, decidiron retirar todos
os mobles da sala e, un a un, pasaron outra vez pola audición
comprobando que non había máis maxia cá dun fonógrafo repro-
ducindo a nana “Frère Jacques”.

O decálogo de Edison

Trala súa invención, Thomas Edison suxeriu no verao de 1878
unha serie de aplicacións:
1- Ditados sen axuda de secretaria.
2- Libros fonográficos que falarían aos cegos.
3- Ensinanza na pronunciación de idiomas.
4- Reprodución de música.
5- Álbum familiar de fonogramas con rexistro de voces.
6- Caixa de música.
7- Axenda de avisos.
8- Arquivador de linguas e as súas peculiaridades fonéticas.
9- Tarefas educativas como gravar leccións maxistrais de profesores.
10 - Contestador telefónico automático.

O reloxo que fala

O cilindro máis antigo catalogado é unha gravación coa voz do francés Frank Lambert, inventor da máquina de escribir e dun
modelo de máquina de escribir-gramófono. Emigrado aos Estados Unidos, Lambert traballaba sobre as posibilidades do rexistro sonoro,
na mesma época que Edison, coa intención -segundo se cre por unhas patentes atopadas- de incluír en reloxos sons que cantasen as
horas. A gravación data entre 1878 e 1880, e consiste na lectura de números soltos para os seus “reloxos falantes”.
O cilindro fonográfico foi durante un tempo un soporte perfecto para os reloxos automáticos. Deseñáronse sofisticados
modelos como o alemán The Hiller Talking Clock, que incluía un grande cilindro de 31,8 centímetros de diámetro e 48 gravacións con: as horas, os cuartos e as medias horas.

A volta ao mundo nun fonógrafo

Nada máis comercializarse os primeiros fonógrafos, algúns científicos xa se decataron das súas posibilidades. En distintas partes
do mundo xurdiron os primeiros cazadores de sons: historiadores
dispostos a viaxar provistos dun fonógrafo e facer “gravacións
de campo”.
O primeiro de todos eles foi o naturalista estadounidense Jesse Walter Fewkes, quen realizou unha viaxe a Costa Rica
durante 1890 e estudou algúns pobos aborixes.
Á súa volta, trouxo varios cilindros con gravacións e publicou en
tres xornais a súa apaixonante experiencia de cazador de sons:
“podes falarlle (ao fonógrafo) tan axiña ou tan a modo como queiras; en ambos casos reproduce exactamente o que lle dis.
Por iso ábrese a necesidade de traballar cun fonógrafo para preservar
os idiomas aborixes do continente”.

Outros documentalistas do son seguiríanlle pouco despois e os seus traballos terían consecuencias importantes no mundo da música. En 1896, o etnomusicólogo húngaro Béla Vikár gravou máis de 1.000 cancións de música popular en distintos países centroeuropeos que influenciarían a un dos grandes compositores do século XX, o tamén húngaro Béla Bartók. E en Rusia, un ano máis tarde, a compositora Evgeniya Linyova faría o mesmo con cancións populares que despois inspirarían a Stravinsky.
Nos arquivos fonográficos, un dos cilindros máis antigos é de
1888, e contén a voz de Edison reproducindo unha carta ao seu
amigo Mr Blaine. Nela, conta a posibilidade de
“dar a volta ao mundo en sons” cun fonógrafo sen moverse da casa.