Stereolab en PECADOS (Pontevedra)

O ciclo de músicas prohibidas Pecados ten o privilexio de ofrecer en directo o venres 21 de novembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra ás 21 horas, a ourivaría pop dos británicos Stereolab. A banda presenta novo disco, Chemical Chords, o undécimo da súa carreira, que segundo Tim Gane, o seu líder, foi xurdindo mentres mesturaban "unha serie de setenta pequenos loops de batería" por riba de secuencias de acordes improvisados no piano ou no vibráfono. Tras quince anos incomodamente instalados na vangarda, arrandeando lucidamente entre o krautrock, a bossa e o lounge, estes tratantes do ritmo con final feliz retornan cunha vibrante colección de cancións no peto.
As entradas pódense adquirir por anticipado en www.caixanova.es (12 euros) ou na propia billeteira do Pazo da Cultura (15 euros) o propio día da actuación.