Pecados: músicas prohibidas

Pecados é un ciclo de músicas prohibidas. Nin músicas populares contemporáneas nin músicas avanzadas nin músicas especializadas, senón músicas prohibidas.
Os nosos pecados son a pluralidade, a curiosidade e unha certa ignorancia.
Descoñecemos, por exemplo, as fronteiras entre etiquetas e xéneros. Cremos, por un momento, que Stereolab, The Residents e Toumani Diabaté podían armar o cartel dun festival, que a electrónica e a música tradicional africana e o pop e a performance podían convivir e dialogar nun mesmo espazo e coa mesma coartada.
Semellaba difícil, pero tamén o era levar aos Sex Pistols ao século XVIII, como se o punk puidese virar ópera, e velaí está o Dúo Dithyrambe para facelo posíbel. O Concello de Pontevedra fixo o resto.
Nada que ver coa irresponsabilidade. O pecado deste festival consiste máis ben en estar informado e escoller un pouco do máis interesante e poñelo xunto, durante tres meses, nun espazo privilexiado para a música ao vivo como é o Pazo da Cultura de Pontevedra. Minimizar as dependencias da moda ou da publicidade de masas e atreverse. Darlle volta ao sentido común, ao refraneiro, porque no pecado está o gusto.