Festival Sinsal 6 | Estación Inverno | KASSIN+2

KASSIN+2

Lugar: Auditorio Centro Cultural Caixanova | Vigo
Data: Luns 18 de Febreiro
Hora: 21:00H
Entrada: 12 €

Venta de Entradas Online | Información /Venta de Entradas: Telf 902 504 500

Para entender de onde vén a riqueza de Futurismo (2007), o último disco de Kassin+2, cómpre dar un paseo polo sur de Rio de Janeiro. Nas poirentas tendas de discos dos soportais ruinosos de Copacabana pódese sentir o crepitar dos vinilos nos clásicos da música popular brasileira dos 60, como Elis Regina ou Jorge Ben. Na bohemia Santa Theresa, os sons psicodélicos dos Mutantes e Tom Zé. Ao longo do paseo da praia de Ipanema, a bossa nova de Tom Jobim e João Gilberto, reflexo desta elegante beira da cidade.

E en todos os lados, dende o centro da cidade até os arrabaldes máis periféricos, o samba, mentres nas favelas dos outeiros, os golpes e o ruxir do favela funk expresan unha realidade ben máis dura.

Futurismo é o novo retrato desa ricaz variedade cultural, étnica e musical de Rio. Última parte da triloxía +2 (os compañeiros de banda Moreno Veloso e Domenico Lancellotti foron os nomes que encabezaron os dous primeiros traballos), este disco é tan carioca como as hawaianas, as caipirinhas e a habilidade de pasar o día na praia sen levar para a casa a area apegada ao corpo. Alexandre Kassin, un nativo de Rio que leva toda a vida na procura de tesouros en vinilo, di que cando fai un álbum quere que encaixe felizmente na súa colección de discos. Este último vai máis alá: é como unha colección dentro dunha colección que contén o seu mundo.

Kassin+2 é unha sociedade musical que até o momento leva gravados tres álbums con tres eixes alternativos: unha cara, un nome e un son diferentes. O primeiro foi o de Moreno Veloso, o fillo do popular Caetano Veloso, e chamouse Music Typewriter (2000); seguiulle o de Domenico, Sincerely Hot (2004), e o pasado ano publicouse en Luaka Bop o de Alexandre Kassin, este Futurismo que o 18 de febreiro presentarán no Centro Cultural Caixanova.

Benvidos á porta xiratoria musical que forman Moreno, Domenico e Kassin. As súas florecentes traxectorias individuais, até hoxe, inclúen moitos anos de experiencia en xiras con algúns dos pais fundadores da bossa nova e colaboracións con músicos tan diversos como o produtor dos Beastie Boys, Mario Caldato, o gurú Arto Lindsay ou o artista Takako Minekawa.

De estilo pioneiro, consumados instrumentalistas, respectados produtores, herdeiros dunha familia de tropicàlia e samba, e á vangarda dunha nova xeración de músicos brasileiros, son tres artistas consumados cuxa mestura única da canción tradicional brasileira cos ritmos raros e os sons de electrónica contemporánea está a definir o son do novo Brasil.

www.myspace.com/kassinplus2