SINSALAUDIO / Actualidade

Pergamiño Vindel, o primeiro elepé vigués

11 de Marzo de 2018

O contexto histórico: a evolución do formato, do pergamiño ao mp3.


Trobadores e xograres foron os grandes protagonistas da música popular na Idade Media. Os primeiros compoñían e, en ocasións, interpretaban as súas propias obras. Mentres que os segundos eran, sobre todo, interpretes ou actores, que debían representar un espectáculo en escena e compartían as súas habilidades musicais con outras actitudes circenses.

A música popular viviu a súa era dourada case seis séculos máis tarde, en pleno século XX, coa chegada da tecnoloxía e a música gravada, o que posibilitou compartir a representación, a música en directo, coa reprodución dos artefactos sonoros, que agora se podían escoitar en casa, nos medios de comunicación, ou nun fío musical, etc. Pero este novo escenario tivo consecuencias e a máis inmediata foi como escoitamos a música e, polo tanto, o novo papel do compositor e do interprete.

Se analizamos o soporte, o pergamiño era unha copia orixinal, única, a non ser que nos mosteiros se fixesen transcricións, que efectivamente adoitaba ocorrer. Do mesmo xeito que sucedeu coa imprenta, a música gravada facilitou o duplicado e o nacemento dunha nova industria. Ao principio, os músicos opuxéronse á reprodución mecánica pero o éxito internacional desta “música enlatada” supuxo a asociación de ambas figuras: o trobador e o xograr.
A tecnoloxía da gravación retornou un ingreso inesperado aos compositores, tanto en vendas directas do soporte físico como en dereitos de autor pola reprodución, pero a cambio deberon afrontar un novo compromiso, tocar (e actuar) en directo.
Unha terceira evolución chegaría coa aparición dos soportes dixitais, as plataformas de streaming, o mp3, etc. Con esta tecnoloxía a música gravada perdeu parte dos seus ingresos e, por iso, o artista a ter que reinventar a súa presentación sobre un escenario. Con todo, a globalización xerou novas posibilidades nos que o intérprete pode promocionarse exponencialmente como nunca antes fora posible ao longo da historia. O efecto “youtube” ou as redes sociais fan posible que calquera trobador contemporáneo estea ao alcance de todo o mundo ao golpe dun “click”.

O primeiro elepé vigués

O pergamiño Vindel é o primeiro elepé vigués? Posiblemente para un espectador educado no soporte físico do século XX esta analoxía podería ser aceptable, con todo para un “milenial” este título soaralle antigo e cambiaríao polo do “primeiro mp3 vigués”. Onde atopariamos máis consenso sería en situar aos seus protagonistas, é dicir, aos trobadores e aos xograres. A música grabada reuniulles nunha mesma figura, por iso a presenza deste documento histórico é, ademais dunha extraordinaria oportu- nidade de coñecer a nosa historia, unha ocasión para promocionar aos trobadores no século XXI, artistas moito máis expertos que os seus antecesores porque, ás alancadas, deberon especializarse en produción, márketing, xestión, comunicación, etc.

Concerto, sábado 3 de marzo, Teatro AFundación, Vigo.

Unha representación de músicos locais e do resto de Galicia serán os encargados de poñer voz e melodía nesta homenaxe ao “primeiro elepé vigués”, e farano interpretando as súas propias cancións, a música que sete séculos máis tarde ocupa os discos duros: eses pergamiños contemporáneos. Polo escenario do Teatro Afundación pasará un elenco de músicos que abarca diferentes xeracións e estilos, presentados pola compositora e cantante trotamundos Lydia Botana.

Por unha banda, artistas veteranos, case cronistas sociais desde tempo da movida como o guitarrista Pablo Novoa, primeiro en Golpes Bajos e despois inmerso en multitude de proxectos e colaboracións como Ronaldos, Mastretta, Josele Santiago, La Marabunta, etc. O incombustible Nicolas Pastoriza, o Ray Davies local, que non deixou de compoñer e tocar desde os anos 80 cando formaba parte de Bromea o Qué?. E o tudense Victor Aparicio, un dos primeiros músicos que durante eses anos da “idade de ouro” reivindicou as influencias da lusofonía e os sons latinos que ata a actualidade son a identidade sonora dos seus discos.

Despois, haberá unha representación desa segunda xeración de trobadoras e trobadores, herdeiros directos da movida. Estará encabezada por dous dos nomes propios da música española durante os noventa, os irmáns Ferreiro. Ivan Ferreiro e Amaro Ferreiro fixeron a banda sonora ao pop español con Los Piratas e, trala disolución do grupo, desenvolverían senllas carreiras en solitario que os situaron entre os autores máis importantes da actualidade. Eles tamén cantarán nesta tarde noite ao Pergamiño Vindel, ao igual que dúas das artistas máis activas da nosa escena: a violonchelista Rosa Cedrón, voz durante os seus primeiros anos con Luar na Lubre e desde o ano 2007 unha das cantantes máis recoñecidas da música popular galega; e a gaiteira Susana Seivane, outra das nosas ilustres representantes que conta cunha ampla nómina de concertos nacionais e internacionais.

Da etapa de cambio de século, teremos a presenza doutro activista da música viguesa, Eladio Santos, revisionista da canción popular galega e do pop internacional, con proxectos como Medusa ou Eladio y los Seres Queridos.

Por ultimo, tamén estará representada a xeración máis actual con tres artistas que malia a súa idade xa contan cunha envexable formación e experiencia en grabacións e concertos. A cantante de soul Wöyza fíxose un oco na sempre difícil escena das “músicas de barrio” e é unha referencia indiscutible entre os sons urbanos. Pola súa banda, a viguesa Patricia Moon, recen aterrada de completar a súa espectacular formación clásica de canto e violín en Boston, é un dos valores máis seguros entre a canción contemporánea de autor. E pecha esta nómina de novos artistas Lucía Martínez, a baixista de Agoraphobia, dignísimas representantes do rock feminino galego que cada ano incorpora máis e máis mulleres á súa inagotable canteira de talentos.

Todos e cada un deles, en formato solista ou facendo colaboracións en dúos, estarán na noite do día 3 de marzo para render homenaxe ao “primeiro elepé vigués” pero tamén en representación dunha das mellores xeracións da música galega que na actualidade actúa por algúns dos escenarios nacionáis e internacionaís máis destacados.