MONUMENTA 2013

MONUMENTA: difusión do patrimonio restaurado é un programa de actividades culturais por igrexas, mosteiros e outros edificios históricos galegos nos que se estiveron realizando diferentes restauracións de interese arquitectónico e artístico.
Con este ciclo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende divulgar algunhas intervencións executadas recentemente, para que sexan coñecidas e aproveitadas polo conxunto da cidadanía, a do propio lugar e a que teña interese por coñecer o patrimonio e a súa conservación lograda co esforzo de todos. E faino a través dunha proposta de dinamización artística destes espazos coa participación da cidadanía, para descubrir e promover colectivamente os nosos monumentos, as nosas tradicións e paisaxes como grandes referentes do patrimonio material e inmaterial de Galicia.
A riqueza que nos rodea é, por fortuna, unha descuberta permanente. Ás veces, os espazos máis afastados ábrennos as portas para que deamos albiscado, no cabo dun feixe de luz concentrado, os restos dun fresco de tons encarnados ou un ollar centenario tallado nunha pedra puída polo tempo. Outras veces, esa descuberta preséntase ao pé da casa, sen irmos lonxe, entre os muros que tantos días nos acolleron sen que reparásemos na súa singularidade.
Decote isto acontece tamén co traballo creativo dos que temos máis preto ou dos que con naturalidade desenvolven os seus saberes artísticos ao longo da nosa xeografía: músicos, contadores de historias etc. Esta beleza e creatividade que nos é cotiá é parte da nosa riqueza colectiva e facérmonos consciente do seu valor, do seu engado, da súa forza expresiva, é imprescindible para o noso ben colectivo.